O palista Alfredo Bea foi elixido presidente da Federación Galega de Piragüismo para os vindeiros dez meses, período que falta para completar o mandato.
Logo da Federación
Co 63,8% dos votos, o grovense Alfredo Bea proclamouse presidente da Federación Galega de Piragüismo (FGP) para os vindeiros dez meses, o tempo que falta para completar este convulso mandato iniciado en 2006. Mentres, o seu rival, Santiago Sanmamed Lora, ex-presidente da Federación Española de Piragüismo (FEP), obtivo o 31,3% dos sufraxios emitidos polos representantes dos clubs, deportistas, técnicos e árbitros (houbo un total de 83 votos).
"A partir de agora, vaise falar de piragüismo"
A polémica marcou nos últimos anos a dirección do piragüismo galego, que se mantivo dividida en dous bloques. O anterior presidente, Modesto Teijeiro Valledor, viuse obrigado a dimitir no pasado mes de agosto logo das críticas recibidas por un grupo de clubs liderado polo agora elixido Alfredo Bea (Desde Dentro, nas que denunciaban a existencia dunha factura de "comisións indebidas", unha mala xestión ou o nomeamento do agora candidato Santiago Sanmamed como asesor persoal e a quen se lle atribuía a pilotaxe na sombra da Federación Galega.
Superada esa crise e convocadas as eleccións, a previsión é que agora os clubs gañen un maior peso no piragüismo galego. Alfredo Bea aposta por unha liga máis profesional, xestionada polos equipos, e cunha xestión á parte da propia Federación. Logo da reelección, asegurou que "a partir de agora, vaise falar de piragüismo" e adiantou que o seu obxectivo será o de "unificar o piragüismo galego". "Somos o deporte rei en resultados", dixo, "mais estamos moi mal en infraestruturas deportivas e na situación dos técnicos e dos árbitros".
Outro dos obxectivos será o saneamento económico. Bea asegurou que o máis importante agora será facer unha diagnose exacta da situación na que se atopa a Federación, pechar as ligas do ano pasado e proxectar as competicións para a vindeira tempada. "Collemos unha federación cun déficit de 400 mil euros e en plena crise económica, coas administracións e as empresas con menos cartos ca nunca", dixo, "así que intentaremos sanear as contas".
Con respecto ao seu opoñente dixo: "Santiago Sanmamed fixo un gran traballo no piragüismo, o seu único erro foi non saber retirarse a tempo". Agora queda aberto o prazo para a presentación de reclamacións fronte aos resultados da elección, que rematará este martes 3 de novembro. A seguir, proclamarase oficialmente a Alfredo Bea como presidente da FGP.