Modesto Teijeiro argumenta, entre outros, o fracaso do grupo que liderou en favor da reelección de Santiago Sanmamed para a federación estatal.
O presidente da Federación Galega de Piragüismo, Modesto Teijeiro Valledor, anunciou este luns a presentación da súa dimisión. O máximo responsábel do colectivo asegura que pospuxo a decisión até "deixar asegurada a tempada deportiva e o funcionamento da tesourería".
Como motivos para a súa marcha argumenta en primeiro lugar o "desgaste acumulado" durante os catro anos que estivo á fronte da federación. A maiores, subliña "o revés" sufrido polo grupo que lideraba en apoio a Santiago Sanmamed nas súas aspiracións á reelección como presidente da federación estatal. Teijeiro Valledor insisten en que a entidade saíu da "grave crise" económica na que estaba e defende que funciona "con eficacia e transparencia".
Mais a dimisión chega apenas uns días despois de que desde o sector chegase un documento, asinado por 24 clubes, que esixía a súa dimisión. Logo de non acudir ás probas realizadas a mediados de mes no Pontillón, os clubes acusárono de evitar asistir a esta competición para escapar á petición de explicacións reiterada nos últimos tempos desde o sector. Por este e outros motivos, a denominada plataforma Desde Dentro envioulles aos medios de comunicación unha nota explicando por que reclamaban a saída de Teijeiro. Os denunciantes engaden o recente desplante de Valledor a "outras frontes abertas", incluídos os cambios na xunta directiva, nomeando asesor persoal seu o ex presidente da Federación Española de Piragüismo, Santiago Sanmamed, a quen lle atribúen a pilotaxe na sombra da Federación Galega.