Emenda á súa conselleira de Benestar, Beatriz Mato, quen anunciara a eliminación deste complemento porque non era máis que "un parche".
Feijoo, antes da crispada sesión de control no Parlamento
O Goberno manterá en 2010 o complemento de 200 euros para as pensións non contributivas. Así o anunciou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, quen emendou así ás declaracións feitas esta fin de semana pola conselleira de Benestar, Beatriz Mato, nas que anunciaba a eliminación deste suplemento posto en marcha polo bipartito e do que se beneficiaban 51 mil pensionistas.
Feijoo foi aínda máis alá e comprometeuse, non só a manter estas axudas, senón a "incrementalas de acordo co IPC" que se aplique ás pensións do Estado Español. Ademais, asegurou que os orzamentos para o vindeiro ano xa reservan unha partida para sufragar o mantemento deste complemento ás pensións non contributivas e que consta "na mesma partida que no orzamento do ano pasado". Este último anuncio foi o que xerou a maior crispación. "Vostede é un mentireiro", dixo o líder do PSdeG, Manuel Vázquez.
Crispación e acusacións
Nos orzamentos de 2009, elaborados polo bipartito, na sección 23 aparece especificamente "Gastos de diversas Consellarías", cunha partida chamada "Fondo extraordinario de axudas aos beneficiarios de pensións e subsidios non contributivos" de 10 millóns de euros. Nas contas de 2010 non figura ese mesmo nome. Ao parecer, ese será o destino que se lle dará a outro fondo de continxencia, que prevé un gasto de 20 millóns de euros.
O portavoz do PPdeG, Manuel Ruiz Rivas, explicou ao remate da sesión que "os cartos para as persoas máis necesitadas sempre estivo aí" e que a Xunta debateu nos últimos días se era máis conveniente "prestar servizos directamente ou empregar os cargos en subsidios", e finalmente Feijoo decantouse pola segunda opción. Ruíz Rivas insistiu en que "non se lle pode dar máis importancia ás formas que ao fondo".
Polo BNG, Carlos Aymerich dixo que "o cinismo, a hipocrisía e a insensibilidade da dereita non ten límites" e insistiu en que "o presidente da Xunta mentiu, porque nos orzamentos non había ningunha partida similar á aprobada no mesmo sitio que dixo Núñez Feijoo".