O primeiro tenente de alcalde da Coruña, o nacionalista Henrique Tello, di estar disposto a "renunciar" ao seu cargo "se se segue agredindo o galego e a cidade".
Os votos do PPdeG botaron abaixo unha moción presentada polo BNG que pedía "cumprir a legalidade vixente respecto á toponimia galega", conforme á Lei de Normalización Lingüística, porque rexeitan facer da Cámara un "altofalante do cinismo" do PSdeG, en palabras do portavoz dos populares na Cámara, Manuel Ruíz Rivas.
Esta argumentación produciuse despois de que o alcalde da Coruña, o socialista Xavier Losada, enviase unha carta ao presidente da Xunta onde aposta pola "cooficialidade" da Coruña coa súa versión castelanizada, segundo indicou o PPdeG. Ruíz Rivas expuxo que os socialistas votaron en contra dunha forma castelanizada no Concello, mais pediron o contrario ao Goberno, unha actitude que -interpretou- representa unha "dobre linguaxe".
Bieito Lobeira (BNG): "Isto nunca pasou"
O deputado nacionalista Bieito Lobeira lamentou que o PPdeG non atendese ao seu ofrecemento de pacto, e avisou, durante o debate no hemiciclo, de que o PSdeG apoia e aplaude a moción no Parlamento, que é o órgano con capacidade de lexislar. Así, censurou que o PPdeG se escude na postura do alcalde da Coruña, do que dixo que era "tan freaky como o señor Negreira" (deputado e concelleiro nese concello e promotor da iniciativa para castelanizar o topónimo).
Lobeira, autor da moción, fixo fincapé en que a situación que vive agora a lingua propia no Parlamento e con este Goberno "nunca pasou", e puxo exemplos como que a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, fale de "servicio gallego de salud" ou que "un deputado se negue a falar en galego por ser un idioma imposto".
Tamén fixo referencia a unha carta que el mesmo recibiu da Consellaría do Mar en que se castelanizaba o cargo da conselleira e mesmo se modificaba o seu propio nome polo de Bieito "Lobería". "Isto é galeguismo glamouroso, cordial, amábel ou galeguismo antigalego?", preguntouse para remachar: "Isto é unha vulneración da lei!"
O voceiro nacionalista, que así que concluíu obtivo os aplausos de deputados socialistas, subliñou que o PP "abriu a caixa de Pandora da intolerancia ao galego" e alertou de que iso dá lugar a volver a topónimos "impostos polo franquismo" e, polo tanto, acabar por oficializar Chandreja de Queija, Sanjenjo o La Toja.
Francisco Cerviño (PSdeG): "O contrario de liberdade lingüística"
Na súa quenda, o socialista Francisco Cerviño, que tamén foi correspondido coas palmas de deputados do Bloque, avisou de que a "liberdade lingüística é o contrario" das medidas que está adoptando o Goberno que dirixe Alberto Núñez Feijoo, e argumentou de que "non hai liberdade para escoller se non hai competencia nas dúas linguas".
Deste xeito, reclamou "reflexión" aos deputados do PPdeG e apelou a "sentar, con prudencia e responsabilidade" para retornar aos consensos lingüísticos. "Temos a obriga e temos razón", proclamou e sentenciou, facendo seu un lema da Universidade de Vigo, que "quen sabe galego, sabe máis".
Agustín Baamonde (PPdeG): "Aos socialistas fáltalles valentía"
O encargado de defender a postura do PPdeG foi o deputado Agustín Baamonde, para quen aos socialistas "fáltalles valentía" para explicar cal é a súa postura ao respecto da toponimia, en concreto, da cidade da Coruña. "A do PP é clara e coherente e a do BNG tamén é coherente", afirmou, para subliñar que no PSdeG "brilla pola súa ausencia".
O parlamentario do PPdeG pediu, así, que os deputados nacionalistas e socialistas se sumasen á súa emenda que limitaba a un único punto a resolución do Parlamento para que este reafirmase o seu compromiso coa promoción da lingua e o respecto polas normas vixentes, mais sen entrar especificamente na legalidade da toponimia.
Manifestación do 18 de outubro
A manifestación do pasado 18 de outubro en Compostela tamén saíu a colación no debate desta moción. Sobre este extremo, o deputado popular admitiu que "o Goberno faría mal se a ignorase", mais avisou á oposición de que tampouco "debe malinterpretala".
Deste xeito, recoñeceu que o pobo galego expresou unha vontade, mais esta tamén se manifestou o 1 de marzo, polo que o PPdeG "por coherencia está na obriga" de derrogar o decreto do galego, tal e como levaba no seu programa electoral.
Pola súa banda, Lobeira mostrou o seu "orgullo" polo éxito da marcha, e Cerviño fixo fincapé en que demostrou que "hai máis castelanfalantes que aman o galego dos que o odian", e destacou que os manifestantes "non todos eran activistas, nacionalistas ou progres de salón". "Había galegos", espetou.
Bieito Lobeira lamentou que os deputados do PPdeG "non entendesen nada" á hora de concluír que o BNG levantou a "bandeira" da lingua para sacar réditos políticos e explicoulle que a formación á que pertence ten no idioma propio "unha das razóns da súa existencia".
Henrique Tello, disposto a renunciar
Por outra banda, o primeiro tenente de alcalde do Concello da Coruña, o nacionalista Henrique Tello, asegurou tamén este martes estar disposto a "renunciar" ao seu cargo político "se se segue agredindo o idioma galego e a cidade", en referencia ás tentativas para aprobar a oficialidade do topónimo castelanizado. Ademais, a preguntas dos xornalistas, evitou contestar se periga o pacto de goberno cos socialistas.
Mentres, o alcalde da Coruña, Xavier Losada, delegou no PP a "responsabilidade" sobre a aprobación da cooficialidade e os populares cualificaron de "esperpento" o pleno extraordinario deste luns en que se rexeitou esta cuestión.