Incerto futuro para os exitosos centros de información afectivo-sexual despregados polo bipartito, mentres a Xunta financia asociacións antiabortistas.
"Está á vangarda de todo o Estado en política de información á mocidade, precisamente para, entre outros obxectivos, evitar embarazos non desexados", subliñou este martes Ana Pontón, vicevoceira do grupo parlamentario do BNG, ao respecto da rede de centros Quérote, despregada durante a anterior lexislatura. Pontón denunciou que o Goberno "ten paralizados" estes centros de información afectivo-sexual e expresou a súa preocupación por "este retroceso". Sinalou por exemplo que a Xunta suprimiu durante o pasado verán as campañas que a rede desenvolvía en festivais e outros eventos para a mocidade e laiouse de que nesta lexislatura non se realizou aínda ningunha campaña de información e asesoramento afectivo-sexual para a mocidade.
A denuncia chegou a pé da petición de explicacións á Xunta polo financiamento a asociacións antiabortistas. Avanzou a deputada do Bloque que o seu grupo levará esta demanda ao pleno da próxima semana, censurando que se lle entregue diñeiro público a colectivos "que lles negan ás mulleres dereitos básicos, como o de decidir libremente sobre a súa maternidade". De xeito concreto, Pontón citou o comunicado da secretaría xeral de Igualdade do pasado 14 de setembro onde se garante o financiamento dos gastos de funcionamento da asociación antiabortista Ayuda a la vida. "Unha asociación antiabortista de ultradereita cuxo obxectivo é privar as mulleres dun dereito básico", reprochou Ana Pontón.
A voceira nacionalista considera que este tipo de axudas económicas son exemplo do apoio do PPdeG "aos sectores máis reaccionarios da sociedade española, que pretenden impoñer a súa moral ao conxunto da sociedade e privar as mulleres do dereito a decidir libremente sobre a continuidade ou non do seu embarazo". "Están creando unha confusión intencionada, porque o que estabelece a reforma da lei do aborto é un dereito, non unha obriga", afirmou Pontón.