A mesa da Eurocámara xa o rexeitara unha vez, co voto contrario e decisivo do vicepresidente Vidal-Quadras.
Parlamento Europeo
O goberno español volveulle pedir ao Parlamento Europeo (PE) que acceda a que o catalán, o éuscaro e o galego -linguas, xunto co castelán, oficiais no Estado- poidan ser utilizados nos debates na Cámara.
A solicitude será transmitida en persoa ao presidente do PE, Jerzy Buzek, este martes á tarde, polo secretario de Estado para a UE, Diego López Garrido, que tamén mantén nesta xornada encontros con responsábeis dos principais grupos parlamentarios e con dirixentes das institucións europeas para lles presentar as liñas da presidencia semestral española que comezará o 1 de xaneiro.
Segundo explicou aos medios antes desas entrevistas, o goberno español xa enviou unha carta a Buzek onde introduce de novo a petición sobre as linguas. A mesa do PE rexeitara unha vez, durante a pasada lexislatura, esta iniciativa, nunha votación en que resultou decisivo o voto contrario do vicepresidente Alejo Vidal-Quadras (PP).
Porén, o goberno español comprometeuse a volver suscitar a cuestión en canto se constituíse a nova Asemblea. Con anterioridade, chegou a acordos con todas as institucións da UE, incluído o Parlamento, para que os cidadáns do Estado falantes dunha lingua oficial diferente ao castelán poidan dirixirse a elas, e ser contestados por elas, no idioma propio.
Diferenzas co parlamento español?
O que se pretende no PE é que, ademais, "os deputados e deputadas poidan falar en todas as linguas cooficiais españolas", explicou López Garrido. Preguntado por que se defende o uso de catalán, éuscaro e galego no parlamento europeo mais non no español, o alto funcionario recordou que "si se poden usar". "No Senado -cámara alta- existe a posibilidade de utilizar todas as linguas cooficiais".
"Entendemos que o Parlamento Europeo, que é un órgano multilingüe, linguas cooficiais como as españolas deberían ter unha presenza, non só como sucede xa, senón que ademais os deputados e deputadas poidan falar en todas as linguas cooficiais españolas", apuntou. En todos os casos é o Estado o que sufraga os gastos de tradución.