Lugar onde se producirá o impacto
Este mediodía, dos vehículos da NASA colidirán contra a superficie da Lúa, para comprobar se o 'accidente' provoca a saída de auga. O fenómeno poderase seguir en directo pola internet, a través da canle de televisión da axencia espacial estadounidense, ou en persoa, a través de telescopios, se se vive arredor do Océano Pacífico. O vídeo quedará gardado en YouTube, para podelo ver en diferido.
A hora prevista para o primeiro impacto contra o cráter Cabeus, no polo sur lunar, será ás 13:31, hora galega. Nese momento, a nave LCROSS estará a fotografar o momento en que o foguete Centaur se esnafra e analizará os fragmentos que se eleven na busca de auga e minerais. Á súa vez, este módulo tamén acabará colidindo contra o chan lunar, catro minutos despois, con outra grande explosión.
O obxectivo desta destrutiva experiencia é descubrir se realmente existe auga na Lúa, o que abarataría o custo de instalar bases no satélite. Segundo a NASA, trasladar un litro do líquido da Terra á Lúa custa arredor de 20 mil euros. Ademais, a auga pódese dividir en osíxeno -para respirar- e en hidróxeno, para propulsar vehículos espaciais.