O presidente do Goberno anunciou 17 solicitudes e falou de "priorizar obxectivos" para que "estas reunións vallan para algo realmente".
Abrollou a crítica ao traballo neste apartado durante a anterior lexislatura nas declaracións do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, ao respecto dos contactos co goberno español para o traspaso de competencias pendentes. Falou Núñez Feijoo da necesidade de desbloquear o que cualificou de "goteo de escasas transferencias" e abrir na relación entre as dúas administracións neste apartado "unha nova etapa". Segundo o presidente, é posíbel un diálogo desde a "lealdade e desenvolvemento constitucional do Estatuto" para incrementar o actual teito competencial de Galiza.
Nese contexto, anunciou Feijoo o envío dunha misiva ao vicepresidente terceiro do goberno español e ministro de Política Territorial, Manuel Chaves, reclamándolle oficialmente a apertura da comisión bilateral neste sentido. O "paquete de transferencias" ao que aspira a Xunta comprende 17 traspasos pendentes e ao respecto, o presidente subliñou que se van priorizar "cales son as transferencias que nos interesan" e "cales son os tempos desas transferencias".
Acordos pechados máis "non culminados"
Sobre o mesmo asunto, o conselleiro de Presidencia, Afonso Rueda, referiuse en primeiro lugar ás competencias asinadas na último comisión mixta celebrada, en decembro de 2008, e que reclamou completar agora "rapidamente". Nesa liña, Rueda cualificou de prioridades as reclamacións da competencia de Inspección de Traballo, que a Xunta aspira a xestionar directamente, e as de tráfico e seguridade viaria, obxectivo este sobre o que, salientou, existe acordo unánime do Parlamento para a súa demanda.
Entre elas, está tamén a referida á débeda de superficie, que inclúe arredor de 6 mil metros cadrados de edificios públicos que pasaría a xestionar a Xunta: o edificio de Monelos, na Coruña; a Casa de Chocolate, en Ourense e unha parte que quedaba por traspasar do edificio que a Xunta ten na rúa Benito Corbal de Pontevedra. Doutra banda está o relativo a museos e bibliotecas de titularidade estatal. En concreto, as bibliotecas estatais de Santiago, A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra e o Museo de Belas Artes da Coruña, o Monográfico do Castro Viladonga en Lugo, o Etnográfico do Cebreiro, o Arqueolóxico Provincial de Ourense e o Museo de Artes e Costumes Populares de Ribadavia.
E alén deses traspasos con trámites xa iniciados, a Consellaría de Presidencia cita como metas a curto prazo a incorporación da titularidade das autoestradas AP-9 e A-53, "vías de comunicación fundamentais na vertebración do territorio e cuxo itinerario discorre totalmente por territorio galego" e a pilotaxe da licitación, execución e xestión das obras hidráulicas de interese xeral que se acometan en Galiza. O Goberno tamén solicitará ao Estado que Galiza xestione as propostas de resolución dos expedientes de autorización sobre dominio público hidráulico que discorre no país. Agora mesmo, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil está exercendo esas competencias. "O que estamos pedindo é que a comunidade galega teña competencia plena sobre as concas que discorren polo seu territorio", afirmou Rueda.