Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Eleccións provinciais no PSdeG-PSOE

Modesto Pose amarra o PSOE pontevedrés co 82% dos votos

Marón propón unha lista de consenso na Coruña, mais Moreda rexeita os convites ao acordo.

Redacción / Europa Press - 17:00 03/10/2009

Actualización 17h:

Modesto Pose resultou elixido secretario provincial do PSdeG en Pontevedra cun 83,2% dos delegados, algo polo que asegurou estar "eternamente agradecido". Por iso, prometeu ser "o número un en traballar e en ilusión", co obxectivo de vencer ao PP nas próximas eleccións municipais.

Despois de que a presidenta da Mesa do Congreso, Paula Fernández Pena (alcaldesa de Silleda), apuntase que a candidatura de Pose recibiu 109 votos a favor e 22 en branco, o novo líder provincial sinalou que o PSdeG "sabe cando discutir e debater e cando debe sumar e poñer todas as enerxías na mesma dirección". "E cando as pon, é imparábel", argumentou.Tras agradecer a súa elección, Modesto Pose insistiu en que "o próximo reto" son as eleccións municipais de 2011 e asegurou que "traballará duro nelas". "Vaise demostrar o que é un partido en pleno funcionamento", advertiu, tras indicar que o seu obxectivo é "traballar para gañarlle a partida ao PP".

O único candidato á secretaría provincial do PSdeG en Pontevedra, Modesto Pose, pediu o apoio aos delegados do congreso prometendo o seu "entusiasmo" para facer das agrupacións locais o "principio activo" do partido, que, ao seu xuízo, debe ser "vivo, dinámico e crítico, pero cohesionado e disciplinado". "Preséntome porque creo que podo seguir achegando entusiasmo, porque sinto con forza", expuxo, "se conto co voso apoio, levaremos a cabo un gran proxecto", garantiu, durante a súa intervención ante o plenario. Ademais, tras resaltar o "tempo" que destinou a traballar polo partido na provincia pontevedresa dende o seu posto de coordinador, rexeitou as "críticas amábeis" da corrente alternativa pola falta de renovación alegando que houbo "tanta" como "en calquera outra provincia".

Din que xa son un pouco metido en anos e que, como son un militante histórico, hai que ir renovando", sinalou, e argumentou que o PSOE de Pontevedra procura "atraer xuventude" utilizando os exemplos, entre outros, dos alcaldes de Silleda e Marín. "As críticas son benvidas, pero que ninguén pense que o proxecto estivo parado", apuntou, para evidenciar que a súa provincia foi "a cabeza dos resultados progresistas en Galiza". En canto ao seu proxecto, Pose apostou por "emendar o pasado recente" no referido a que "alcaldes e grupos municipais non foron atendidos o suficiente". Fronte a isto, asegurou que as agrupacións serán o "principio activo" da organización do partido na provincia. Con este fin, crearase un órgano de coordinación para que agrupacións e partido "se"identifiquen máis" mutuamente.

Outro "principio reitor" que rexe a súa candidatura céntrase en facer do partido "un instrumento ao servizo dos cidadáns". "Temos que facelo un instrumento atractivo e non unha confabulación afastada", defendeu, coa pretensión de atraer "á xuventude, aos emprendedores" e á xente que "traballa para conseguir un mundo mellor". Para iso, avogou por "reforzar" a cultura do debate e a reflexión, porque "non hai boas políticas se non se coñece a realidade con exactitude".

"Reforzar as estruturas"
En clave interna, tamén, incidiu na necesidade de "reforzar" as estruturas do partido a todos os niveis. "En cada pobo, hai que saber quen toma as decisións", argumentou, e comparou esta proposta cunha "con moitos carrís para que caiban todos" e no que "cada un leva velocidades distintas, pero todos circulan no mesmo sentido e nunca en sentido contrario". Así, Modesto Pose mostrouse partidario de crear un partido "vivo, dinámico e crítico, pero cohesionado e disciplinado" e cunha organización "áxil e solvente" para construír un partido "máis útil para os cidadáns" e tamén para o partido. "A nova estrutura tennos que facer máis fortes no local, para que tamén se faga máis forte o partido en Galiza e en España,", explicou.

Neste punto, encamiñou todo o seu "traballo" na "dirección" de "conseguir gobernar" para "cambiar o que está mal". "Seremos o mascarón de proa para recuperar o Goberno en Galiza que nunca debemos perder", proclamou, entre aplausos dos asistentes, para concluír que eses serán o seu "afán" e a súa "tarefa".

Críticas ao PP
Por outra banda, referiuse ao Partido Popular para insinuar que o PP pontevedrés "non pasa a proba do algodón". De feito, evidenciou que os populares desta zona "son todos homes de negocio exitosos", aínda que reparou en que o seu "éxito" chegou "despois da política". "Non digo máis", concluíu, aínda que se dixo verse na "obriga" de "darlles vacacións perpetuas".

Por outra banda, evidenciou o "compromiso" con Galiza do PSdeG. "Somos galegos e sentímonos galegos e con vocación de seguir séndoo, á marxe de que intenten enredarnos cun 'L' máis ou menos", resolveu, en alusión á polémica sobre topónimo n'A Coruña. A este galeguismo sumou o feito de que aos socialistas lles "importan" os demais, para sinalar que este é "o marco ideolóxico" do PSdeG. "Témolo claro, mentres outros se preguntan se o azul do seu logotipo é moi escuro ou demasiado claro, se boina ou birrete, se as estrelas teñen máis ou menos puntos, se se poñen bandeiras ou non se poñen", ironizou, ao tempo que asegurou que o PSdeG está "ben identificado, na actualidade e o futuro".


10h: O actual coordinador provincial do PSdeG en Pontevedra, Modesto Pose, quen xa anunciou a súa intención de presentarse ao congreso que acolle este sábado o concello capitalino, avanzou que contará, polo menos, con dous dos homes fortes da agrupación viguesa, Ángel Rivas e Abel Losada.

En declaracións a Europa Press, explicou que o secretario de Organización do PSOE de Vigo ocupará a vicesecretaría xeral, mentres que o deputado autonómico ostentará a secretaría de Política Institucional. Deste modo, Pose logra incorporar "xente de referencia" da agrupación máis numerosa da provincia na nova dirección, toda vez que o secretario local, o deputado Manel Gallego, se autodescartou alegando "falta de tempo" para ocuparse doutro cargo.

Ademais, perfílanse como "postos relevantes" dentro do organigrama provincial dúas persoas "de confianza" do secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez. Trátase, por un lado, de Luís Antonio Gómez Piña, deputado por Pontevedra no Congreso e, polo outro, dun militante da agrupación local do concello capitalino, Xosé Manuel Civeira Moure.

Sen consenso na provincia da Coruña
A deputada do PSdeG pola provincia da Coruña, Carmen Marón mostrouse este venres partidaria dunha lista de consenso entre os dous candidatos, Salvador Fernández Moreda e Xosé Manuel Lage, para a secretaría provincial do PSdeG na Coruña.

Así o apuntou en declaracións aos medios de comunicación, nas que Marón indicou que "sería excelente unha lista de consenso", ao tempo que destacou que, "queda tempo abondo para chegar a un acordo". Preguntada polo debate interno que se está a producir no partido socialista coruñés, a deputada indicou que se trata dun debate "enriquecedor", pero subliñou que, "o importante é gobernar para a sociedade". Neste sentido, Marón declarou que a fusión entre os dous candidatos pode ser a mellor "conxunción" para seguir gobernado "sen perder a perspectiva da sociedade".

Pero as declaracións de Marón contrastan coa posición de Salvador Fernández Moreda, quen descartou pactar a executiva provincial, opinando que sería "unha fraude" para a militancia. Así, o presidente da Deputación e candidato á Secretaría Provincial, confirmou que non pactará "ningunha lista con ninguén" para concorrer a este cargo. Fernández Moreda, que presentou a súa candidatura nun acto nun hotel coruñés ao que asistiron numerosos militantes e cargos do partido, entre eles alcaldes da provincia --entre os que atopaban o rexedor de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, o da Coruña, Javier Losada, e Ferrol, Vicente Irisarri-- sostivo que o feito de que haxa dúas listas para a executiva provincial supón "un síntoma de fortaleza democrática".

Neste sentido, insistiu en que calquera no partido "está lexitimado para facelo" e defendeu o feito de que haxa máis dunha candidatura "porque o partido demandaba que houbese debate". Non obstante, o dirixente socialista anunciou que non pactará "ningunha lista con ninguén". "Son un home de consenso, de diálogo e de convicción e sería unha fraude para os militantes pactar unha lista un día antes do congreso", asegurou Fernández Moreda, quen sostivo ademais que el e o outro candidato representan "dúas formas diferentes de entender a política". Ademais, manifestou que "non sería razoábel facer unha componenda á marxe da militancia do partido". "Os militantes elixen e deciden", insistiu Moreda, quen engadiu que a súa intención é "reforzar" o partido "mantendo" o que ten "e ampliándoo se é posíbel".

Neste sentido, avogou por darlle "máis vida" e lograr tamén que "penetre na sociedade e a sociedade no partido", remarcou ao referirse ao contido da proposta da súa candidatura que fixo chegar aos militantes do seu partido. Así mesmo, xustificou a súa decisión de presentarse á Secretaría Provincial argumentando que o fai porque cre que pode ser "útil". Tamén asegurou que llo pediron "numerosos compañeiros, alcaldes, concelleiros e dirixentes" da formación socialista, así como colectivos da provincia. Por outra banda, argumentou que coñece "os 94 municipios da provincia, o seu movemento asociativo e os problemas que teñen", afirmou. Por outra banda, confirmou que xa ten "decidido" o equipo que lle acompañará na candidatura, aínda que matizou que "non ao cen por cen". Non obstante, apuntou que a súa intención é que sexa "un equipo de persoas con experiencia e xuventude, útiles e con dispoñibilidade para traballar", sinalou.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: