A coordinadora nacional en funcións, Iolanda Díaz, acusa a Feijoo de "traizoar os de abaixo" coas súas políticas.
Esquerda Unida celebra este sábado en Santiago de Compostela a súa X Asemblea Nacional, na que renovará a súa dirección con vocación de erixirse na "alternativa de esquerdas" en Galiza, tras o paso do PSdeG e BNG pola Xunta. Tamén centrarán o seu discurso en críticas á xestión do presidente, Alberto Núñez Feijoo.
Así, na presentación desta décima asemblea, a aínda coordinadora nacional, Iolanda Díaz, explicou que na "dura" xornada de traballo que ten lugar na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela (USC), os federalistas realizarán unha "fonda crítica" á xestión de Feijoo á que atribúen parte da situación de desemprego que vive actualmente Galiza e que alcanza os 200 mil parados. Deste modo, acusou a Feijoo de "traizoar os de abaixo" coas súas políticas e censurou que "non defende a esa clase media que di que tanto lle preocupa". Paralelamente, reclamoulle que "poña a protección social como criterio de fondo político".
Neste contexto, Esquerda Unida celebra "con ánimo e forza" a súa décima asemblea nacional cun proxecto xeral para o Estado, pero que no caso concreto de Galiza pretende tamén "presentarse como alternativa de esquerdas" despois do bipartito e ante o PPdeG. Para Iolanda Díaz, a "lección está aprendida" e é o momento da "refundación de Esquerda Unida (ao renovar a súa dirección) e da esquerda". "É necesario o crecemento dunha forza alternativa ante as similitudes das políticas de Zapatero e Rajoy", afirmou o coordinador federal, Cayo Lara, "remataron as pelexas internas e estamos nas propostas concretas", engadiu.
Unha lista, debate político e estatutos
Durante esta xornada, cara á que Iolanda Díaz destacou que o principal é o debate das ideas, tamén se renovará a dirección galega de Esquerda Unida, para a que até o de agora só se presentou a lista, na que está incluída a actual coordinadora nacional. Con todo, Iolanda Díaz rexeitou apostar por se ela seguirá á fronte da formación os próximos tres anos (tempo polo que se renova o cargo) e subliñou que o sistema de elección en Esquerda Unida debátese durante a xornada, polo que se poden presentar "unha, dous ou cinco listas". Cayo Lara será o encargado de realizar a primeira intervención da asemblea, ás 11h30, na que tamén haberá saúdos dos sindicatos. Finalmente, sobre as 20 horas, está previsto que se coñeza a persoa encargada de dirixir a formación, momento en que pechará cun discurso a asemblea.
Durante a asemblea, Esquerda Unida debaterá as teses políticas e o documento dos estatutos presentado, así como a carta financeira. No seu documento político, analizarán o contexto actual e defenderán a reforma da lei electoral "que o bipartito non foi capaz de acometer". Tamén apostará por unha reforma da lei que "dea cabida" no Parlamento de Galicia á "pluralidade da nación". O pacto local, o emprego e desenvolvemento económico; así como o autogoberno e a necesidade dun Estatuto son asuntos que abordarán os federalistas na súa reunión. Así mesmo, a necesidade de "consolidar unha esquerda alternativa" tamén se inclúe nas teses.