O número de créditos constituídos sobre vivendas en xullo medrou en Galiza un 29,1% con respecto a hai un ano, mentres caen no Estado Español.
No pasado mes de xullo asináronse 256 hipotecas máis que hai un ano
As estatísticas volven revelar un comportamento desigual entre o desenvolvemento económico de Galiza e do Estado Español. Desta vez, o mercado inmobiliario depara un maior atrevemento por parte dos galegos, que asinan máis hipotecas, mentres que esta cifra continúa en caída libre para o conxunto dos españois. Así o confirma o Instituto Nacional de Estatística (INE), quen informa de que o número de hipotecas constituídas sobre vivendas en xullo en Galiza foi de 2.984, o que se ben supón un descenso sobre o mes de xuño (-264), reflicte un incremento con respecto ao mesmo mes de 2008. En concreto, asináronse 256 hipotecas máis que naquel mes de xullo no que a crise económica comezaba a ser palpábel nos petos dos galegos.
Os datos non rematan aquí: por cada 100 mil habitantes, Galiza contou con 232 fincas hipotecadas en xullo, un 29,1% máis que no ano anterior. Con todo, os prezos si están a reflectir unha considerábel baixada, como corresponde á crise inmobiliaria que se mantén como escenario de todas as operacións económicas. O importe medio no pasado mes ascendeu a 106.372 euros, un 26,3% menos. Se comparamos estes datos cos españois, o número de hipotecas constituídas sobre vivendas foi de 58.995, o que supón un descenso do 19,1% con respecto ao mesmo mes de 2008 (e do 4,5% en relación ao mes anterior).
Máis datos
No seu conxunto, o capital hipotecado en vivendas ascendeu a 312,1 millóns de euros no pasado mes. Galiza rexistrou 5.120 hipotecas sobre fincas urbanas (por 541,1 millóns) e, ademais das constituídas sobre vivendas, houbo 101 sobre solares (con 37,3 millóns) e 2.035 sobre outras urbanas (por 191,6 millóns). As caixas de aforros son as entidades que prefiren os galegos para asinar esta débeda: 2.311 fixéronse en bancos; 2.706 en caixas; e 103 noutras entidades.
Mentres, no caso das rústicas, constituíronse 253 hipotecas por 30,3 millóns de euros, das que 140 optaron polos bancos como entidade prestamista; 102 polas caixas de aforro; e 11 por outras entidades.