Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
POLÍTICA MUNICIPAL

Cangas, un tripartito visto para sentenza

O posicionamento das diferentes formacións sobre as obras do porto deportivo de Salgueirón sitúan ao grupo de goberno a un fío da súa ruptura.

Isabel G. Couso - 09:20 29/09/2009

A situación de gobernabilidade no concello de Cangas é insostíbel. Niso coinciden tanto os nacionalistas (BNG), como Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE), como os socialistas (PSdeG). A última pinga que ameazou con rebordar o vaso deste goberno en continua crise foi a celebración do último pleno municipal. Denuncias por intentos de agresión, insultos do público, lanzamento de ovos... a tensión que os pasados días se vivía no antigo peirao de Massó trasladouse na noite do venres ao salón de plenos e deixou o goberno tripartito bordeando unha anunciada ruptura que, con todo, adíase no tempo.

Cunha corporación municipal conformada por 21 membros, o grupo de goberno aséntase actualmente nos cinco concelleiros do BNG, catro do PSdeG e tres da ACE. Mentres, na oposición, oito concelleiros do PP e un non adscrito refregan as mans ante as cada vez máis evidentes desavinzas gobernamentais, na súa meirande parte atribuíbeis ao discorrer das obras de Salgueirón, mais que xa transcenderon ás diferenzas estritamente políticas. Os rumores de ruptura son continuos, porén semella que ninguén queira dar o primeiro paso nin cargar coa dubidosa honra de ser quen puxo fin ao goberno coligado.

"É o momento máis crítico de toda a lexislatura", subliña Héctor Otero (PSdeG), quen avoga pola convocatoria dunha xuntanza urxente para constituír unha mesa de diálogo que calme os ánimos e reforce o grupo de goberno. Con todo, malia as boas intencións, os socialistas son conscientes de que, neste conflito, o seu papel non é máis ca do dun convidado do pedra, son o terceiro pé desta trepia no que o lume se mantén sempre aceso. "Non cabe dúbida de que é unha situación incómoda, na que nós nos mantemos expectantes, na retagarda", asegura Otero, "hai unha clara falta de comunicación que hai que arranxar e nós agardamos estar á altura da responsabilidade que en nós depositaron os veciños".

Clara Millán nunha banda, Mariano Abalo na outra
Mais se hai dous nomes que determinan o ritmo dos acontecementos, direccións políticas á parte, son a alcaldesa, Clara Millán (BNG) e o concelleiro de Urbanismo, Mariano Abalo (ACE). Ademais do seu palpábel pulso político, ambos demostraron xa un evidente enfrontamento persoal. O responsábel de Alternativa Canguesa coincide en subliñar a "gravidade da situación política" na que se atopa o concello e apela ao pacto de goberno asinado en 2007. "Todos os grupos referendamos a nosa postura en contra da construción do porto deportivo e lamentabelmente non se está a ser consecuente no respecto a ese acordo", asegura.

Dende a ACE acusan directamente á alcaldesa e ao BNG de non querer paralizar as obras do porto deportivo de Massó: "claro que está nas súas mans", asegura Abalo, "mesmo a escandalosa sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza asegura que é precisa unha licenza municipal que, a día de hoxe, non existe". O concelleiro de urbanismo carga contra Millán: "están afrontando unha política de feitos consumados, incorrendo nunha clara deixadez de funcións que obedece unicamente ás importantes presións que están a recibir dende Caixanova, non aos intereses dos veciños".

Ante esta situación, Abalo chama ao partido co que comparte o executivo a que "ou ben respecte o pacto de goberno, ou ben se pase ao outro lado defendendo programas como o do PP, obedecendo a intereses especulativos". Non obstante, á pregunta sobre a posibilidade da ruptura do goberno por parte de ACE contemporiza: "hai que agardar a como se desenvolven os acontecementos".

Na mesma liña se manifestan dende o Bloque Nacionalista Galego. O voceiro municipal e concelleiro de Benestar Social, Óliver Álvarez, entende que a situación política de Cangas, sobre todo logo da celebración do último pleno, "reviste unha incuestionábel gravidade" e asegura que "as decisións hai que pensalas con perspectiva antes de tomalas". Con todo, discrepa sobre a capacidade de intervención que o concello ten sobre as obras de Salgueirón: "claro que nós estamos e estivemos sempre en contra do porto de Massó, mais non podemos ir contra as sentenzas dos tribunais nin contra os informes da Secretaría Xeral do concello, que informou negativamente sobre unha posíbel paralización".

Dende o BNG acusan a Abalo de "hipocrisía nos seus discursos" e de introducir, xunto co PP, "moita manipulación neste conflito". Así, Óliver Álvarez asegura que "é certo que houbo problemas no grupo de goberno até o de agora, mais os feitos actuais son moi graves, sobrepasouse unha liña" e convida a ACE a presentar unha moción de censura conxunta co Partido Popular: "xa que teñen tanta complicidade e se senten tan cómodos xuntos, que se unan, que sumarían 11 concelleiros, e veríamos se son quen de parar as obras".

Horizonte de futuro
Así as cousas e co goberno pendente dun fío, semella que falta por ver quen lle dá o último empurrón. Coa celebración da ordinaria xunta de goberno este martes na axenda, previsibelmente as diferentes formacións tomarán decisións nos vindeiros días. O BNG xa adiantou que moverá ficha: "como membros dun partido debémonos aos nosos organismos consultivos, polo que analizaremos en conxunto o sucedido nos últimos días, nomeadamente no pleno do pasado venres, e decidiremos en consecuencia".

Con todo, as opcións son ben amplas. A menos previsíbel é a de seguir como até o de agora, cun goberno tripartito que deixe á marxe as súas diferenzas. A partir de aquí, todas as posibilidades pasan pola ruptura, ben da man do BNG, ben da de ACE. O PSdeG xa adiantou que non ten previsto "ningún acordo á vasca", é dicir, queda descartado ningún achegamento cara ó Partido Popular, unha opción que tampouco semella viábel para Alternativa Canguesa.

Polo tanto, se o pacto de goberno saltase polos aires poderiamos atoparnos cun goberno en minoría dos nacionalistas, de nacionalistas e socialistas, ou de socialistas e ACE. Tamén cabe a posibilidade de buscar unha solución intermedia, como unha chamada de atención sobre os concelleiros "díscolos" cunha retirada de competencias. Outra cuestión sería se ese feito provocaría ou non unha inmediata ruptura do goberno e, outra vez, quen tería a responsabilidade última desta decisión. Así as cousas, a política municipal canguesa promete movementos nos vindeiros días, uns movementos que, de seguro, non serán alleos aos avatares políticos nacionais.


5/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Os diferentes posicionamentos sobre a posíbel paralización das obras de Salgueirón sembraron as diferenzas entre o goberno tripartito
Os diferentes posicionamentos sobre a posíbel paralización das obras de Salgueirón sembraron as diferenzas entre o goberno tripartito
Mentres ACE asegura que está nas mans do concello paralizar as obras, o BNG asegura que fai todo o legalmente posíbel
Mentres ACE asegura que está nas mans do concello paralizar as obras, o BNG asegura que fai todo o legalmente posíbel
O goberno tripartito está formado por BNG, ACE e PSdeG
O goberno tripartito está formado por BNG, ACE e PSdeG
O futuro político do goberno de Cangas decidirase, con toda probabilidade, nos vindeiros días
O futuro político do goberno de Cangas decidirase, con toda probabilidade, nos vindeiros días