Gandeiros do SLG deitaron 80 mil litros de leite procedentes de case 150 explotacións no seu segundo acto en apoio á folga europea.
Primeiro foi a parroquia de Nemenzo, en Santiago de Compostela e agora foi a quenda de San Sadurniño, en Ferrolterra. Os actos reivindicativos organizados polo Sindicato Labrego Galego (SLG) en apoio á folga europea continúan e, segundo as previsións, farano nos vindeiros días. Este venres, os gandeiros deitaron 80 mil litros de leite procedentes das case 150 explotacións gandeiras da comarca de Ferrolterra.
O guión dos acontecementos foi, sen grandes modificacións, o mesmo ao seguido hai dous días en Compostela. Unhas 16 cisternas tiraron o leite no Lugar de Outeiro, no concello de San Sadurniño. Até alí acudiron gandeiros de Mugardos, Valdoviño, A Capela, As Somozas, San Sadurniño, Moeche, Ortigueira e Cerdido. A secretaria xeral do SLG, Carme Freire, unha vez máis, explicou que "os produtores están fartos de ter que regalar o seu traballo á industria, cos poderes públicos calados e sen que propoñan ningún tipo de solución".
O SLG exixe que se "fixe un prezo xusto" para o leite, que cubra os custes de produción; que se estabeleza unha redución a nivel europeo, para producir segundo a demanda; e unha redistribución das cotas.