Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MEDIDAS DE PRESIÓN

Tirar o leite para non regalalo, unha alternativa que non comparten todos os sindicatos

Unións cualifica de "suicida" a folga de entregas de leite promovida nalgúns países europeos e apoiada polo Sindicato Labrego.

Redacción - 19:00 17/09/2009
Os líderes dos tres sindicatos agrarios do país non comparten a adhesión á folga

Os líderes dos tres sindicatos agrarios do país non comparten a adhesión á folga

Mentres o Sindicato Labrego Galego (SLG) continúa a sumar adhesións á proposta de folga na entrega de leite, os movementos nos demais sindicatos agrarios non se fan agardar. Logo de que Xóvenes Agricultores (XXAA) avogase por explorar outras vías de presión, este xoves foi a quenda de Unións Agrarias (UUAA), máis duro e pesimista con esta medida, que cualificou de "suicida" para o sector.

Na actualidade a situación está como segue: gandeiros de Francia, Alemaña, Holanda, Bélxica, Italia, Luxemburgo, Austria e Suíza iniciaron xa esta folga, logo de reunírense o martes nunha asemblea en París, para que os gobernos tomen medidas no problema do prezo do leite. Pola súa banda, o Sindicato Labrego Galego (SLG) xa adiantou a súa adhesión á medida, se ben convocou ao conxunto do sector, afiliados ou non, para que decidan se ir ou non a esta folga en Galiza. Os gandeiros interesados terán que cubrir unha "folla de compromiso" e entregala até este venres nalgunha das delegacións do sindicato, un trámite que se agarda que formalicen uns 12 mil gandeiros.

Demasiado custe económico
O secretario xeral de UUAA, Roberto García, entende que esta medida "só resolvería o problema das industrias" e implicaría importantes prexuízos económicos aos produtores lácteos. Así, entende que esta medida é axeitada en países como Francia ou Alemaña, porque o seu volume de produción láctea supera o do consumo, mais non entende esta proposta nun país que é deficitario (o Estado Español produce 6,2 millóns de toneladas de produtos lácteos e a demanda supera os 9 millóns de toneladas).

Nesa liña, García instou aos "100 ou 150 gandeiros do SLG", ao que cualificou como o "sindicato máis marxinal", a que "non cometan a torpeza de tirar o leite durante unha semana". Así, asegurou que "temos o básico, un acordo de referencia do que só hai un referente en Francia" e fixo un chamado para "aparcar as diferenzas" e "centrarse no problema de facer cumprir á distribución e á industria".

Queda agora por ver cal será a decisión dos gandeiros, que unha vez máis actúa afogados por unha crise que non lles permite tirar beneficios do seu traballo. De prosperar a proposta do Sindicato Labrego, a vindeira semana, a industria tería problemas de abastecemento, unhas dificultades que medrarán en grao de gravidade cantos máis produtores se sumen. Mentres, tanto XXAA como UUAA entenden que esta medida non terá ningunha repercusión, de non ser secundada a nivel estatal, un extremo que xa está descartado.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: