Logo da crise de Benidorm, o presidente do PP español mándalle unha mensaxe aos líderes locais e provinciais do PP que aloumiñaban a idea de volver ao consistorio.
Os intereses estratéxicos do PP silledense e do pontevedrés non son os mesmos ca os do PP español. Logo de que nas últimas semanas se especulase coa posibilidade dunha moción de censura para derrocar a alcaldesa socialista Paula Fernández, Mariano Rajoy asegurou este xoves que os concelleiros do seu partido en Silleda que apoien unha moción “non poden seguir no PP”. O líder dos conservadores españois fai estas declaracións na mesma que semana que a súa formación perdeu a alcaldía de Bernidorm debido a unha moción na que participaron concelleiros socialistas.
Rajoy subliñou nas súas declaracións que Núñez Feijoo tampouco apoia a moción en Silleda. Aínda que é certo que o presidente da Xunta nunca deu luz verde á operación, si ten acusado ao PSdeG da situación de inestabilidade que vive o municipio dezao.
Máis concreto foi hai unha semana o ex alcalde e líder dos conservadores silledenses, Xosé Fernández Viéitez, en declaracións a Vieiros recoñecía que se daban as circunstancias para unha moción de censura “outra cousa é que o PP decida dar o paso”.
Hai ben máis tempo, en decembro do ano pasado, o propio presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, aseguraba que non era descartábel unha moción de censura en Silleda. As palabras viñan dun dirixente que mantén unha estreita amizade con Fernández Viéitez.
A 48 horas da festa do PPdeG na localidade
As declaracións de Mariano Rajoy teñen lugar dous días antes de que desembarque en Silleda canda os principais dirixentes do PP de Galiza. Nas instalacións da Semana Verde os conservadores van celebrar unha festa multitudinaria á que agardan que asistan milleiros de militantes chegados de todo o país.