Tanto PP como PSdeG rexeitaron a transferencia da xestión dos terminais aéreos, unha proposta defendida polo BNG que foi apoiada polos nacionalistas cataláns e vascos.
O aeroporto de Lavacolla (Santiago de Compostela) é o que maior fluxo de viaxeiros rexistra
A xestión dos aeroportos galegos depende exclusivamente de Madrid, unha realidade contra a que se manifestou o Bloque Nacionalista Galego (BNG) a través dunha moción no Congreso español. Francisco Jorquera pediu a transferencia desta competencia antes do 2010 para "acabar cos localismos" no transporte aéreo e poñer en marcha unha política "seria e coordinada".
Situación das competencias no Estado Español
A iniciativa nacionalista, que contou co apoio das formacións Convergencia i Unió (CIU) e Partido Nacionalista Vasco (PNV), reclamaba modelo de xestión aeroportuaria propio, que traballase en coordinación co estatal. Se ben a petición dos grupos catalán e vasco é similar para as súas terminais, a súa situación competencial é ben diferente.
Por exemplo, Cataluña, asumía o pasado marzo estes poderes en función do seu aprobado Estatut. Cunha Lei de Aeroportos e Heliportos en trámite (que conta co suficiente apoio do goberno tripartito, PSC, ERC e ICV, ademais de CIU) a Generalitat pasará a xestionar de forma inminente os seus heliportos, así como os aeroportos de Lleida, Seu d'Urgell. Fóra desta lexislación quedan Reus, Girona ou Sabadell, actualmente nas mans do goberno español, porque aínda son considerados "de interese xeral".
PP e PSOE, en contra
No caso galego, a iniciativa chocou de fronte co rexeitamento de populares e socialistas, que sumaron 311 votos en contra desta transferencia. O Grupo Parlamentario Popular (PP) acusou ao Bloque de exixir agora unhas competencias das que nunca se preocupou durante a súa etapa no Goberno. Denunciou que os nacionalistas se negaron a negociar co PP unha emenda "que permitise ofrecer unha postura moito máis sensata" e instaron a Jorquera a "optar polo camiño da sensatez e buscar o consenso co resto das formacións como único camiño para que os aeroportos galegos sexan máis competetivos".
Pola súa banda, o PSOE votou en contra do traspaso competencial, mais apoiou a creación dun órgano de coordinación. Esta postura segue a liña do anuncio feito a pasada semana polo ministro de Fomento, Xosé Blanco, quen lanzaba a idea de crear un comité de desenvolvemento de rutas aéreas para Galiza de xeito inmediato. A creación deste órgano, que se votou por separado, contou coa única oposición do Partido Popular. Neste caso, xustificaron a decisión argumentando que a caída de pasaxeiros non é unicamente consecuencia da crise, senón da "crecente competencia do aeroporto de Oporto, cunha maior diversidade de rutas".
Problemas estruturais
Finalmente, Francisco Jorquera insistiu en defender un modelo de xestión que sitúe aos aeroportos galegos "no centro" e non como "meros satélites de Baraxas". Así, o comité de rutas anunciado por Blanco pareceulle un "paso insuficiente" e defendeu un sistema que incorpore á Xunta, ós concellos e aos axentes económicos e sociais" como único xeito de poñer solución aos problemas estruturais que arrastran os nosos terminais.