O goberno municipal adiantou que presentará un recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza ao entender que a sentenza incorre nun "erro grave".
A construción de seis edificios de nove plantas deixaría a Lugo sen as incomparábeis vistas dende o Parque Rosalía de Castro
A xustiza deulle á razón ao colectivo veciñal Asociación pola Defensa do Parque Rosalía. O xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo anulou o proxecto de urbanización aprobado polo concello para a construción nas costas do emblemático parque porque, segundo a sentenza, non respecta o perímetro de protección dos dous edificios que forman parte do inventario xeral de Patrimonio Cultural de Galiza, as Termas Romanas e o Sanatorio Portela.
A maxistrada estima o recurso presentado pola asociación sobre a cuestionábel legalidade da urbanización de viais e servizos, mais non cuestiona a volumetría da urbanización, que prevé a construción de seis edificios de nove plantas. Con todo, reincide nun argumento que xa esgrimira a Consellaría de Cultura do goberno bipartito: en 2007 instaba ao Concello lugués a paralizar de forma cautelar e inmediata estas actuacións por tratárense de obras que poderían afectar aos edificios inventariados como patrimonio cultural.
Reaccións encontradas
Logo de dous anos dende que o colectivo veciñal presentase este recurso e cunhas obras de urbanización xa iniciadas nas costas do parque, a Asociación pola Defensa do Parque Rosalía recibiu a noticia con moita satisfacción. Así o asegurou o presidente deste colectivo, Marcos Bourio, quen confirmou que "esta sentenza pon de manifesto a ilegalidade do proxecto, que sempre foi un despropósito e un dos maiores erros urbanísticos que se podían cometer en Lugo".
Pola súa banda, tanto o construtor afectado como o propio Concello xa adiantaron que presentarán un recurso perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. No caso do goberno municipal, a responsábel de Urbanismo, María Novo, adiantou que a administración municipal fará o posíbel para evitar ter que facer fronte ás indemnizacións millonarias que, previsibelmente, se derivarán desta sentenza. Entende que a decisión xudicial contén un erro grave, xa que se basea nas normas subsidiarias de planeamento e Novo defende que non son aplicábeis en concellos que dispoñen dun Plan Xeral de Ordenación Municipal, como é o caso do de Lugo.
"Auténtica aberración urbanística", di o BNG
Pola súa banda, o BNG afirmou que "independentemente de que o Concello presente ou non recurso diante do TSXG", debe parar os traballos que se están a realizar nesta parcela "para evitar prexuízos maiores".
O voceiro municipal da formación, Xosé Anxo Laxe, considerou que "o Concello nunca debeu autorizar a construción nesta zona emblemática de Lugo". Para o BNG, construír media ducia edificios de nove alturas ao pé do Parque Rosalía de Castro é "unha auténtica aberración urbanística que sufrirán as xeracións futuras".
"Se o BNG seguise á fronte da Consellaría de Cultura tería moi clara a súa postura, porque sempre defendeu que aí non se debería construír, pero a dúbida está agora en saber que vai facer o PP desde a Xunta", afirmou Laxe.