O BNG presenta unha proposición non de lei na que propón unha moratoria inmediata na instalación de piscifactorías no litoral galego.
"A explotación acuícola do noso litoral non debería depender da cor política do Goberno". O que fala é Bieito Lobeira, o portavoz de Pesca do BNG, quen adiantou que os nacionalistas presentarán unha proposición non de lei (PNL) para o debate en pleno no Parlamento. O obxectivo é paralizar a instalación de plantas acuícolas no litoral galego e permitir un repousado debate e avaliación sobre os emprazamentos previstos para a colocación de piscifactorías.
Moratoria e diálogo
Logo dos pasos dados polo actual Goberno, tales como a recuperación do proxecto de instalación dunha planta en Touriñan (Muxía) ou a decisión de permitir a ampliación da de Mougás (Oia), os nacionalistas exixen unha moratoria inmediata na instalación de máis piscifactorías. "É o único xeito de poñer fin a destrución irreversíbel da nosa costa e do seu propio aproveitamento produtivo a través das actividades económicas tradicionais, como pode ser a pesca ou o marisqueo", di Lobeira.
Na súa proposición, o BNG defende tres puntos. O primeiro é a convocatoria dunha mesa de diálogo, formada polo Goberno, concellos, Fegamp, Federación Galega de Confrarías, organizacións ecoloxistas, sindicais e empresas do sector. Esta mesa debería avaliar os emprazamentos previstos para a explotación acuícola, así como desbotar aqueles que se inclúan dentro da Rede Natura.
O segundo exixe a suspensión dos acordos e procesos de tramitación referentes a Cabo Touriñán e Mougás. E o terceiro, pide o deseño de programas de desenvolvemento socioeconómico sustentábel para a xeración de emprego digno no litoral.
Pago de favores e creación de emprego
Lobeira subliña que a Xunta "está a favorecer a empresas vencelladas ao PP" e cualificou de "moi grave" que "se poida permitir o luxo de atentar contra o patrimonio galego" coa construción dunha planta acuícola en Cabo Touriñan. "Dáse a circunstancia", di o documento que se debaterá no Parlamento, "que este aberrante proxecto está promovido precisamente por un grupo empresarial, Pescanova, que gozou dun hiperbólico volume de subsidios públicos para consolidar e impulsar os seus negocios desde que o Partido Popular (1989) goberna o noso país".
Precisamente, o nacionalista recorda o gorentoso que pode chegar a ser o negocio acuícola: "os cartos públicos financian até o 70% dos proxectos". Segundo os datos oficiais da propia Xunta, os 20 proxectos de acuicultura que se van a poñer en marcha recibirán 140 millóns de euros, "mentres que a creación de emprego non supera os 600 postos de traballo". "Non hai máis que facer a media", di Lobeira, "cada posto de traballo contará cun subsidio de medio millón de euros, unha cifra pola que devecería calquera outra industria ou empresa do país".