Oito países da UE acordaron na madrugada do xoves iniciar unha folga que se centrará no bloqueo de industrias lácteas. O Sindicato Labrego Galego (SLG) que, segundo afirma a súa secretaria xeral, Carme Freire, “sempre deu a cara para defender os labregos do país”, secunda esta medida. Asegura que a unidade de acción é a que se fai pola base por iso, non convocarán dirixentes, senón que é un chamamento aberto a todo o sector.
Gandeiros de Francia, Alemaña, Holanda, Bélxica, Italia, Luxemburgo, Austria e Suíza iniciaron unha folga, tras reunirse o martes nunha asemblea en París, para que os gobernos tomen medidas de cara o problema do prezo do leite. O SLG convoca ao conxunto do sector lácteo, afiliados ou non ás comisións, para que decidan se ir ou non á folga en Galiza e levar a cabo un bloqueo que teñen previsto comezar a vindeira semana.
Deste xeito pretenden mobilizar os produtores de leite para que “os prezos e a ruína” deixen de pechar explotacións. Dende o sindicato queren tomar partida nesta iniciativa ante a “irresponsabilidade dos gobernantes”, que seguen permitindo o peche das granxas. Entenden que as administracións non están atendendo á “complicada situación” das explotacións que supoñen “un medio de vida para moitas persoas deste noso país”.
Dende o SLG pretenden que se produza unha redución da produción, unha redistribución da cuota que afecta ás explotacións máis pequenas, e o establecemento de mecanismos que garantan a cobertura dos custos de produción. A medida, explica a secretaria xeral “é contundente”. Carme Freire amosouse reacia ante a medida da Comisión Europea de establecer unha supertaxa individualizada, unha multa por sobrepasar a cuota establecida pola UE, “unha aberración”. Dende o Sindicato consideran que a UE non debe seguir fomentándose a produción. Con iso, garante Carme Freire, conseguen “inundar o mercado do leite”, xa que os produtores teñen que venderlle ao mellor postor.