Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Informe de Verdegaia

O transporte duplica entre 1990 e 2007 as súas emisións á atmosfera

Este sector é responsábel do 50% do aumento dos gases no país, por riba da media europea de CO2 por persoa.

Redacción - 16:30 16/09/2009

En Galiza emitíronse 35.371.840 toneladas de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) no ano 2007. É un dos datos recollidos no infome "As emisións de GEI en Galiza (1990-2007)", que presentou este mércores Verdegaia. Neste período a emisión de gases medrou nun 23,4%, unha porcentaxe inferior á do conxunto do Estado, pero por riba da media dos países desenvolvidos. O sector do transporte foi responsábel de máis da metade deste incremento.

A produción de gases aumentou en 2007 logo de dous anos de descensos consecutivos. Sen embargo, o Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño prevé que en 2008 se volva producir un novo descenso, relacionado coa menor actividade industrial pola crise económica. O incremento do 23,4% de Galiza é superior ao límite de incremento do 15% entre 1990 e 2008-2012 que se comprometeu a respectar o Estado español no marco do acordo da Unión Europea para o cumprimento do Protocolo de Quioto.

A máis desprazamentos, máis gases  
Verdegaia apunta ao forte crecemento da circulación por estrada como causa de que o sector do transporte duplicase as súas emisións desde 1990 ata os algo máis de 7 millóns de toneladas emitidas en 2007. Para a asociación ecoloxista, este aumento fundaméntase “no crecemento urbanístico difuso, nunha política desmesurada de construción de novas infraestruturas de transporte por estrada, na insuficiencia das medidas de promoción dos modos de transporte sustentábeis, no aumento do parque de vehículos privados e nas escasas restricións para o seu uso en cidades e vilas”. O incremento nestes 18 anos dos gases debidos ao transporte foi do 104% en Galiza fronte ao 15% de media nos países industrializados.

O peso das centrais térmicas
O peso do transporte nas emisións de GEI é agora do 20%, unha porcentaxe moi elevada que aínda queda por detrás da xerada pola industria produtora de enerxía. Seis empresas son responsábeis do 51,6% do gas invernadoiro que se verte á atmósfera desde Galiza, cun especial protagonismo das centrais térmicas. A de Endesa nas Pontes e a de Unión Fenosa en Meirama xuntan 4 de cada 10 toneladas, seguidas no ranking de contaminadores polas instalacións de Alcoa en Xove e A Coruña, a refinería de Repsol na Coruña, os centros de produción de Ferroatlántica e a fábrica de Cementos Cosmos en Sarria.

A contribución da central das Pontes á mudanza climática é maior que a de todos os medios de transporte de Galiza xuntos. Aínda que os datos indican que en 2008 minguou a súa produción de gases pola crise e polas reformas ás que se someteron, Verdegaia sinala que as centrais térmicas de carbón “seguen a ser ineficientes e moi intensivas en emisións de CO2”. En 2007 estas centrais de carbón produciron o 99% das emisións do sector eléctrico, pero só achegaron o 47,5 % da electricidade neta xerada.

Demandas ao Goberno
A contribución das centrais térmicas eleva a 12,4 toneladas ao ano as emisións por habitante de Galiza, superiores ás 9,9 toneladas de media do Estado español e ás 10,4 da Unión Europea. “A loita contra a mudanza climática segue sen ser unha prioridade para a Xunta”, estima Verdegaia, que o xustifica coas accións do Goberno nestes primeiros meses: “Plan MOVE 2010-2015, continuación da aposta pola incineración dos residuos urbanos, compracencia cara ás centrais térmicas...”.

A asociación ecoloxista demanda do novo Goberno que revise o Plan Galego de Acción fronte ao Cambio Climático 2008-2012 redactado polo bipartito, para “adaptalo ao novo escenario de crise económica e para facelo máis ambicioso”. Verdegaia considera que o anterior Goberno “suspendeu en materia de loita contra a mudanza climática”, ao propoñer un plan conformista e pouco comprometido co medio ambiente.


Ligazóns

5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: