Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Din que a Xunta é "compracente" coas térmicas

A crise fixo diminuír un 32% as emisións de CO2 das industrias galegas

Os ecoloxistas sinalan que a actual situación contribuíu a mitigar a mudanza climática. Isto pon de relevo a "insustentilidade" do noso modelo económico.

Redacción - 12:00 02/06/2009

"A crise económica está a contribuír en Galiza e a nivel mundial a mitigar a perigosa crise climática. Isto pon de relevo o insustentábel que é o modelo económico actual e a necesidade dun decrecemento socialmente sustentábel nos países enriquecidos", contan dende a asociación ecoloxista Verdegaia nun seu comunicado, no que analizan os datos divulgados polo Ministerio de Medio Ambiente e do Medio Rural e Mariño (MARM) sobre as emisións de CO2.

Segundo este informe, as emisións de dióxido de carbono (CO2) dos sectores industriais aos que se lles aplica a Directiva Europea de Comercio de Emisións reducíronse en Galiza nun 32% en 2008, respecto dos datos 2007, e a principal causa desta importante diminución, segundo a tese de Verdegaia, foi a crise económica.

O sector con maiores emisións, o da xeración eléctrica, reduciu a súa achega á mudanza climática nun 38%, e isto explícase, segundo contan os ecoloxistas, pola moderación producida no consumo de electricidade e na actividade industrial; mais tamén pola paralización temporal da central de carbón de Unión Fenosa en Meirama -para adaptala a queimar só carbón de importación-; ao aumento dos prezos dos permisos comercializábeis de emisións de CO2 e do carbón -durante o primeiro semestre de 2008-; á importante achega dos parques eólicos á produción eléctrica; e á entrada en funcionamento de dúas novas centrais térmicas de ciclo combinado a gas natural nas Pontes e Sabón, máis eficientes e menos intensivas en emisións de CO2 que as de carbón.

Unha previsíbel redución das emisións que non ten a ver coa política nacional e local
Aínda que polo de agora non hai estimacións para as emisións totais de Galiza, incluíndo todos os sectores, segundo Verdegaia é previsíbel que estas tamén diminuísen en 2008, "e que o sigan a facer durante este ano". Nesta liña, a asociación denuncia que esta redución "non se pode atribuír ás políticas impulsadas pola Xunta e polos Concellos" galegos, xa que, segundo contan, as medidas que puxeron en marcha até agora para reducir as emisións "son moi limitadas e foron contrarrestadas por outras de maior calado que contribúen a aumentalas".

As centrais térmicas coma a d'As Pontes, "fábricas de morte"
Alén disto, dende Verdegaia tamén sinalan, como dato fundamental, que en Galiza hai unha soa instalación, a central térmica de carbón de Endesa n'As Pontes, que é a responsábel de máis da metade -58%- das emisións totais de todas as industrias galegas obrigadas a participaren neste sistema de medicións.

Malia o inicio da actividade das centrais de gas natural, a central térmica de carbón das Pontes emitiu en 2008 perto de oito millóns de toneladas de CO2, Unha cantidade que evidencia, segundo Verdegaia, "que a produción de electricidade a partir de carbón", a pesar do contaminante que é, "está pouco desincentivada".

A crise fai que se dean máis permisos de emisión de CO2
Os ecoloxistas tamén sinalan que as emisións das que se ten coñecemento, superaron en Galiza as asignadas de balde polo goberno español. Alén disto, a crise, segundo a análise de Verdegaia, está a contribuír a que se dean máis permisos de CO2, e que se baixe o prezos dos mesmos, de tal xeito que as tecnoloxías baixas en carbono "cada vez están menos incentivadas".

Nesta liña, demándanlle ao Goberno que "revise o Plano Galego de Acción fronte ao Cambio Climático 2008-2012 (en .pdf) deixado polo bipartito", para adaptalo ao novo escenario de crise económica e para facelo "moito máis ambicioso", e critican as actuacións e declaracións feitas até o de agora polo conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, por consideralas "inimigas do clima" e "compracentes cara ás centrais térmicas de carbón".


Ligazóns

5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Ao fondo, a central térmicas d'As Pontes / Flickr: marianogrueiro
Ao fondo, a central térmicas d'As Pontes / Flickr: marianogrueiro
E aquí, a de Meirama / Flickr: aveira
E aquí, a de Meirama / Flickr: aveira
O dono desta matricula odia o CO2 ('I Hate CO2') / Flickr: 37degrees
O dono desta matricula odia o CO2 ('I Hate CO2') / Flickr: 37degrees