Colectivos veciñais e ecoloxistas advirten de que sairán solidariamente á rúa para defender a costa de calquera agresión en forma de planta acuícola.
No plano legal, na rúa e mesmo parando as obras se é preciso. Diferentes plataformas veciñais e ecoloxistas asinan un manifesto que, baixo e epígrafe de "Nin un paso atrás en defensa da costa: Touriñán é patrimonio de todos e todas", saen ao paso das declaracións dos responsábeis da nova Xunta nas que apuntaban á recuperación do proxecto de instalar unha piscifactoría no litoral de Muxía. Aseguran que o problema non é a escolla do lugar para situar unha planta acuícola, sexa Toruñán, Camelle, Quilmas ou Corrubedo, senón os motivos e as consecuencias: "non queremos que empresas sen escrúpulos xestionen o mellor da nosa costa ", aseguran ao tempo que preguntan: "Como é posíbel que a esas compañías que especulan coa natureza, xogan indecentemente cos empregos, chuchan subvencións e emporcan o ambiente e a opinión pública, a Xunta lle ofreza o noso litoral?".
Asinan o manifesto: Adega, a Plataforma en Defensa da Costa de Oia, a Plataforma Medioambiental de Corrubedo, a Plataforma pola defensa do Patrimonio de Quilmas, a Plataforma de Arou, a Asociación A Pergoliña, a Plataforma Veciñal de Camelle e a Plataforma Veciñal Xove-Lago. Con todo, están abertos á incorporación doutras entidades, así como ao apoio das diferentes forzas políticas do país.
A pelota, no tellado da administración
Dende estes colectivos, aseguran que "calquera macroproxecto acuícola na costa galega nos termos do vixente plano sectorial é insustentábel". Así, exixen a derrogación do "nefasto plano acuícola" e acordar un desenvolvemento sostido da pesca e da acuicultura en Galiza, respectuoso co medio e cos cidadáns". A súa actitude é vixilante mais, de momento, non teñen aínda prevista ningunha mobilización. "A pelota agora está no tellado da administración", di Fins Eirexas, de Adega, "para cumprir as promesas electorais de Núñez Feijoo ou o compromiso da conselleira do Mar, Rosa Quintana, de que Touriñán acolla unha piscifactoría deberán facer unha modificación do plan sectorial", explica. Será entón, cando se inicien todo tipo de accións por parte destes colectivos.
Ademais dos procedementos xudiciais xa iniciados contra o plan acuícola, como un contencioso presentado ante o Tribunal Superior de Xustiza (TSXG) pola planta de Quilmas ou diferentes accións perante a Unión Europea, os asinantes do manifesto amósanse dispostos a chegar até as últimas consecuencias. "Contra esta política de feitos consumados, na que a administración se favorece do lenta que pode chegar a ser a xustiza, non nos queda outra que acudir á rúa", explica Eirexas, "se é necesario pararemos as obras, como fixemos en Rinlo (Ribadeo), aínda a risco de ser imputados, mais é unha vergoña que sexamos os veciños os que teñen que defender a legalidade".
Ningunha piscifactoría ten permiso de vertedura
Outra das denuncias que fan estes colectivos versa sobre a situación de alegalidade na que se atopan todas as plantas acuícolas do país. Segundo explica Eirexas, ningunha delas ten permiso para realizar os seus verquidos ao mar, unha situación fronte á que ningunha administración toma medidas. No caso concreto de Carnota, Xosé Manuel Casais, presidente da Plataforma pola Defensa do Patrimonio de Quilmas, explica que xa teñen presentadas diferentes denuncias perante o Seprona e a Garda Civil, de xeito que contan xa coa suficiente documentación que permitiría pechar a planta mentres non regularice a súa situación.
Adega asegura que este tipo de alegalidades son posíbeis porque as administracións miran cara outro lado: "o goberno de Fraga facíalle favores a Pescanova e o bipartito a Stolt Sea Farm, mais en ambos casos deron o visto bo ao estrago da costa galega para dar satisfacción á cobiza dunha multinacional". Así, subliñan o agravio que poden supoñer as particularidades coas que se xestionou a planta portuguesa de Mira: "en Portugal, Pescanova situou a súa planta a 500 metros da liña de costa porque alí rexe unha lexislación que protexe o litoral, porén en Galiza, as empresas aseguraban que tal distancia non era posíbel se querían tirar beneficios da planta". Con todo, os ecoloxistas galegos tamén se solidarizan cos portugueses nas súas accións contra a piscifactoría: "tamén está situada en hábitats prioritarios grazas á complicidade do goberno portugués, mais tamén aplican unha política de feitos consumados que terá que agardar á decisión de Europa, cando xa o dano estea feito".
Finalmente, estas asociacións lamentan que xa se dea por seguro que en Touriñán se situará unha planta acuícola e que vaia ser xestionada por Pescanova, cando esta posibilidade non aparece en ningún documento oficial actual. O proxecto, que fora aprobado co goberno en funcións de Manuel Fraga, fora desbotado polo bipartito. Con todo, e aínda que se recuperase ese deseño, tería que modificarse o plan sectorial, cos seus correspondentes prazos legais e períodos de exposición pública. Ademais, unha vez iniciado o proceso, as diferentes empresas interesadas terían opción a presentar o seu proxecto e someterse a un procedemento de escolla. Polo tanto, e logo das declaracións de Rosa Quintana, Eirexas pregunta: cal foi o baremo aplicado e cando se celebrou ese concurso para que Pescanova sexa a empresa elixida para ese suposto proxecto?