Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRTVG, lingua, Rede Natura, ...

A oposición parlamentaria intensifica as críticas ás políticas do PPdeG na Xunta

Os PSdeG denuncia a "volta á censura" dos "tempos de Fraga", e o BNG táchaas de "revisionistas" e de "extrema dereita".

Redacción - 12:00 14/09/2009

Os dous grupos da oposición no Parlamento, PSdeG e BNG, inauguraron este sábado o curso político. Os primeiros, coa tradicional Festa da Rosa, e os segundos co primeiro Consello Nacional despois do paro estival. As fortes críticas ás políticas desenvolvidas nestes primeiros meses polo Goberno que preside o líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, non cesan desde entón.

O voceiro da Comisión da CRTVG do Grupo Parlamentario Socialista, Xosé Luis Méndez Romeu, criticaba este domingo a nova programación da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) porque, ao seu xuízo, supón "a volta á censura como nos tempos de Fraga".

Para o deputado do PSdeG, a anulación do único debate político mostra "as intencións máis restritivas" do ente público, polo que o considerou como "unha mostra máis da "política caciquil e mercenaria" do presidente Núñez Feijoo.
Os socialistas, nun comunicado, tamén "botan de menos" na nova programación "espazos culturais e formativos" e "de defensa da lingua e da cultura".

"Un PP que non se parece á sociedade galega"

Pola súa banda, o BNG, a través do seu portavoz nacional, Guillerme Vázquez, que participou na Festa Nacionalista do Morrazo, cualificou as políticas do PPdeG de "extremismo ideolóxico" e culpouno por utilizar "vellas receitas" da "dereita" ante a crise.

Ademais, acusou os populares da creación dun "problema social" en relación ao uso do galego. "Son eles os que están a crear un problema co idioma e os que acoden a políticas de extrema dereita sen solucións ante a crise", arengou ante os asistentes.

Nesta liña, animou a traballar "fronte a un PP que non se parece á sociedade galega, como pretenden facernos crer", senón que, ao seu xuízo, "se parece ás faccións da sociedade extremista española". A este respecto, puxo como exemplo as declaracións do popular Carlos Negreira sobre Millán Astray.

Por último, criticou "continuo revisionismo" das políticas anteriores "para mal", en cuestións como o concurso eólico ou o plan acuícola. "O importante é Pescanova e as súas necesidades, non a Rede Natura ou a paisaxe", ironizou.

Outra das polémicas sobre as que fixo fincapé foi a construción do porto deportivo de Cangas, a que o BNG se opón "rotundamente", sentenciou. "O PP é o único responsábel de que este porto se leve adiante", dixo e engadiu que é "quen ten capacidade de frealo".


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: