Segundo datos oficiais, votaron 2.671 electores, o 41% do censo electoral. Fracasa a manifestación da Falange, silenciada polos berros dos independentistas.
Cidadáns agardando para votar
Comezou o reconto de papeletas da consulta histórica sobre a independencia de Cataluña en Arenys de Munt, que tivo un alto nivel de participación. Segundo datos oficiais, votaron 2.671 electores, o 41% do censo electoral, unha porcentaxe superior á que se rexistrou no referendo da constitución europea (40,43%) e as eleccións europeas (35,14%), mais menor que no referendo do Estatut (48,8%).
(Actualizado ás 19.30 horas)
A consulta pola independencia está a ter un importante nivel de participación. Ás 18.00 horas, dúas antes do peche das urnas, xa participaran 2.309 electores, un 35,44% do censo. O dato é maior que o rexistrado á mesma hora no referendo do Estatut (35,20%) e das últimas eleccións europeas (26, 76%).
Por outra banda, a manifestación convocada pola Falange en contra da consulta soberanista congregou ao mediodía case un cento de persoas e acabou sen incidentes, aínda que cun intercambio continuo de berros cos independentistas. Estes últimos lograron silenciar os dos primeiros cantando o Himno de Cataluña (vexan vídeo á dereita).
O acto de Falanxe prolongouse durante 45 minutos, entre as 12.30 e as 13.15 horas, na praza de Cataluña, onde só puideron acceder xornalistas acreditados, que superaban o centenar, máis aínda que os falanxistas. Cando ían abandonar a poboación en autocar, un grupo de independentistas lanzou pedras contra os vehículos, obrigando aos Mossos a intervir para evitar que a situación fose a peor.
(Actualizado ás 11.00 horas)
Os habitantes de Arenys de Munt, segundo informa os medios locais, fixeron cola desde primeira hora da mañá deste domingo no Centro Moral de Arenys de Munt, situado ao carón da Casa do Concello, para votar na consulta sobre a independencia de Cataluña.
Arredor de 6.500 persoas -maiores de 16 anos, de calquera nacionalidade- están censadas. Ademais, nas rúas da vila hai moitos cidadáns chegados doutras partes do país para participar nesta xornada festiva e reivindicativa.
Voluntarios e un forte dispositivo policial encárganse de que o día transcorra con normalidade. Cómpre lembrar que a Falange convocou unha manifestación en Arenys -autorizada por decisión xudicial- para esta mesma xornada.
Máis información: