Os lumes rexistráronse na madrugada do venres ao sábado na parroquia de San Fiz de Donís, en Cervantes.
Serra dos Ancares
O municipio de Cervantes, na Serra dos Ancares, rexistraba dous incendios activos na parroquia de San Fiz de Donís, un na zona de Corneantes e outro na Pena do Pando, á media mañá deste sábado, segundo informou a Consellaría de Medio Rural.
O primeiro dos incendios rexistrouse ás 3.25 horas da madrugada do venres ao sábado e, polo de agora, afectou unha superficie aproximada de 70 hectáreas de superficie rasa. Nos labores de extinción traballan un axente, dous técnicos, catro brigadas, catro motobombas, dúas pas, un helicóptero de coordinación, dous helicópteros de extinción e tres hidroavións.
Outro lume, localizado na zona de Pena do Pando, rexistrouse á mesma hora. A superficie queimada neste caso é de 30 hectáreas de superficie rasa. Nas tarefas de extinción participan un axente forestal, unha brigada, unha motobomba e unha pa.