Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Presentación do informe de 2008 no Parlamento

PSdeG e BNG demandan do Valedor que vixíe a política lingüística da Xunta

Os grupos da oposición amosaron a súa preocupación polos dereitos dos galegofalantes tras as medidas adoptadas polo Goberno.

Redacción - 18:30 08/09/2009

O Parlamento debateu este martes o informe do Valedor do Pobo do ano 2008, aínda que Benigno López non estivo alí para presencialo. Ao igual que fixera o ano pasado, López presentou o informe e logo se retirou ao seu despacho para seguir desde alí o debate. Os grupos parlamentarios da oposición pedíronlle que faga un seguimento de oficio da normativa vixente sobre a protección do galego.

Na súa intervención, o Valedor do Pobo sinalou que o ano pasado se produciron numerosas queixas que denunciaban o incumprimento do decreto polo que se regula o uso do galego, e moitas “queixas en sentido contrario”. López pediu aos partidos e aos cidadáns colaboración para atopar “harmonía” no tema lingüístico, diante do que cualificou como “posturas opostas e que dificilmente contribúen a alcanzar o necesario clima de harmonía para a pacífica convivencia”.

“Odio e persecución”
Alfredo Suárez Canal exixiu que o Valedor actúe de oficio para “asegurar a legalidade fronte á estratexia de exterminio” que, sinalou, sofre o galego, e emulou a Barack Obama ao dicir que “detrás da palabra liberdade se agocha en moitas ocasións o odio e a persecución".

O socialista Francisco Cerviño advertiu de que non cre que que as últimas medidas da Xunta vaian no sentido de cumprir a lexislación en materia lingüística, polo que reclamou ao Valedor un “seguimento intenso da preservación de todos os dereitos dos cidadáns que se ven conculcados", cunha atención especial aos relacionados coa lingua.

Lei de dependencia
Outro dos temas que cobrou protagonismo na intervención do Valedor e no debate parlamentario foi a aplicación da Lei da Dependencia. Benigno López sinalou no seu informe que esta lei “necesita un impulso” e que a maior parte das queixas se refiren ás demoras na súa aplicación. López valorou que o borrador de decreto para desenvolver a lei que prepara o actual Goberno “avanza por bo camiño”.

Suárez Canal defendeu a xestión neste campo do anterior Goberno reivindicando o esforzo orzamentario para crear centros de día e escolas infantís e sinalando que o número de queixas relacionadas coa Lei da Dependencia foi moi inferior en Galiza ás que se deron noutras comunidades como Cataluña e Valencia. Para o parlamentario do PP Agustín Baamonde, o anterior goberno bipartito desoíu as recomendacións do Valedor en materia de servizos sociais por non ser capaz de facer autocrítica.


Ligazóns

5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: