A editorial de Cangas mantén o seu interese polas letras nórdicas coa publicación de Skugga-baldur, de Sjón, coñecido polas súas letras para Björk.
Sigurjón Birgir Sigurðsson, Sjón
Os apenas 300 mil habitantes de Islandia forman o corpo de falantes de islandés. A pesar de ser unha das linguas menos falada de Europa, conta cunha literatura actual rica e variada asentada nunha fonda tradición. Para dar conta desta realidade, Rinoceronte vén de publicar Skugga-baldur, unha novela entre épica e vangardista que supón o terceiro título traducido do islandés ao galego nesta década.
O autor de Skugga-baldur é Sjón, alcume de Sigurjón Birgir Sigurðsson, un reputado autor de narrativa, poesía, teatro e cómics que con esta novela obtivo no 2005 o premio de Literatura do Consello Nórdico. Sjón é máis coñecido fóra do seu país polo seu traballo como letrista para Björk e para a banda sonora do filme Bailar na escuridade, de Lars von Trier.
Os antecedentes islandeses en galego
Esta é a segunda novela que a editorial que Rinoceronte Editora traduce desde o islandés. Antes fíxoo con Anxos do universo, de Einar Már Gudmundsson. Pero a atracción galega polas letras islandesas non comezou coa chegada de Rinoceronte, que no seu catálogo aposta por obras de linguas antes pouco traducidas ao galego. No ano 2000, a editorial Follas Novas publicou Auroras boreais, unha escolma bilingüe de poesía moderna e contemporánea que incluía poemas de 31 autores islandeses. E xa en 1982 Edicións Xerais se achegará á literatura do país nórdico a través das Lendas islandesas de Skúli Gislason.
As novas traducións permiten un achegamento diferente a Islandia. O país que exporta iconas musicais como Björk e Sigur Rós, ten tamén unha das literaturas mais antigas do continente. As súas sagas medievais son unha das primeiras manifestacións de novela en Europa. Durante o século XX o islandés deu á literatura nomes tan reputados como os de Gunnar Gunnarsson e Halldór Laxness, gañador do premio Nobel de literatura en 1955. E na actualidade ten unha produción literaria diversa e con prestixio, á medida dun dos países do mundo con maiores índices de lectura.