Para os socialistas o executivo desaproveita a oportunidade de que a obra pública contribúa á reactivación económica.
"Inútil, revisionista do pasado e paralizadora de infraestruturas vitais para a cidadanía". Tal é o resumo que ao voceiro de Infraestruturas do grupo parlamentario do PsdeG, Pablo López Vidal, lle merece o papel da Consellaría de Infraestruturas, Territorio e Medio Ambiente. López Vidal acusou o presidente da Xunta de fallar ás súas promesas de non paralizar obras que incidan no benestar dos cidadáns e de achegar un plan de infraestruturas nos cen primeiros días do seu goberno. "Aínda hoxe o ten a medio facer", reprochoulle o deputado socialista, ironizando: "Son as 11h37 minutos como diría Dolores de Cospedal e aínda en Galiza non temos Plan de Infraestruturas".
"Neste país houbo un goberno socialista que acertou no modelo: vías de comunicación pensadas para as persoas, respectando o territorio, planificación a longo prazo cun Plan Director de Estradas de Galicia", contrapuxo o voceiro socialista, recomendándolles aos populares que aproveiten o documento para "empezar a traballar". De xeito concreto Vidal chamou a atención sobre a incerteza aberta polo PP acerca da gratuítidade das vías de alta capacidade. O socialista reclamou dos populares a aclaración urxente de se copiarán ou non o modelo aplicado polo PP noutras xeografías "impoñendo peaxes".
Recordo do pobre balance do treito Fraga
Aproveitou o voceiro parlamentario do PSdeG para destacar o que cualificou de "esforzo sen precedentes" durante a anterior lexislatura, con 133 quilómetros libres de peaxe finalizados, cifras que comparou cos 27 únicos quilómetros de autovías sen peaxe que se completaron durante os 16 anos de goberno do PP con Manuel Fraga na presidencia.
"Fronte a un goberno pusilánime queremos saber o estado de execución dos grandes viais de comunicación programados, se van manter o compromiso de construír autovías libres de peaxe e coñecer o programa de accesibilidade os grandes núcleos de poboación do país", expuxo. Na opinión de Pablo López Vidal a obra pública debera xogar un importante papel como instrumento de reactivación económica. Nese sentido, Vidal esixiu do Goberno o impulso de actuacións que redunden na creación de postos de traballo, defensa dos sectores produtivos e reactivación do consumo.
O deputado socialista exemplificou a gravidade da situación actual mencionando o caso da Autovía da Costa da Morte. "Porqué se rescinde o contrato coa empresa que vai executar esta infraestruturas coas consecuencias que elo implica?", laiouse. "O mais grave deste asunto é que a Costa da Morte queda sen autovía, e sácase a concurso con peaxe", denunciou. "Temos un goberno desnortado", concluíu.