O Bloque asegura que Industria ten un documento da asesoría xurídica onde se defende o decreto eólico do bipartito.
Aseguran desde o BNG que o Goberno conta cun informe da asesoría xurídica, elaborado en resposta a un recurso presentado por Endesa, onde se defende o decreto eólico aprobado polo bipartito. Subliñouno este martes o voceiro de Industria do grupo parlamentario do BNG, Henrique Viéitez, ao tempo que esixía que a Xunta faga pública toda a documentación relativa á suspensión do concurso eólico.
Insistiu o deputado nacionalista en que á luz do anteproxecto de lei, quedarían "demostradas como incertas" moitas das argumentacións expostas polo PP e o actual equipo da Consellaría de Industria para arramplar co anterior proceso. De xeito concreto, e respecto da suposta inconstitucionalidade da participación pública, unha das xustificacións esgrimidas polo PP, Viéitez recuperou un informe de 2003, asinado polo daquela director do Inega, o popular Juan Caamaño, onde se propoñen diferentes fórmulas de participación da Xunta en empresas eólicas. "Sen que nese caso consideraran que chocaba coa lei do sector eléctrico", sinala o deputado do Bloque.
O voceiro do BNG criticou así a eliminación agora de "calquera compromiso adicional para a dinamización do país" e denunciou a estratexia do PP "a prol do negocio puro e duro". Analizou Henrique Viéitez que no proceso de tramitación parlamentar o propio PP terá que introducir modificacións, "pois fica claro que o anteproxecto foi feito ás presas e cunha clara intencionalidade de garantir compromisos adquiridos en campaña ante outros amigos que acompañaron ao PP durante moitos anos".