Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN FUNCIONAMENTO DENDE 1976

Endesa remata a obra que permitirá explotar 25 anos a principal térmica do país

A eléctrica investiu nos últimos cinco anos máis de 300 millóns para reducir as emisións do seu complexo das Pontes. Os ecoloxistas piden maior transparencia nos datos das emisións.

R.V. - 13:45 17/08/2009

A central térmica das Pontes é dende 1976, ano no que entrou en funcionamento, unha das xoias de Endesa. Cunha potencia de 1.400 megavatios, o complexo é quen de producir perto do 5% da demanda de electricidade total que hai no Estado Español. Porén, a actividade industrial tamén ten a súa cruz. Nos últimos 30 anos revelouse como a industria máis contaminante do Estado Español e unha das nove térmicas con máis emisións de toda Europa.

O que na década dos 70 foi unha auténtica revolución laboral para toda a comarca é hoxe unha empresa igual de produtiva pero ben menos rendíbel dende o punto de vista social. Se hai vinte anos o complexo daba traballo directo a case tres mil persoas, na actualidade a central funciona con pouco máis de 300 postos. A fin do lignito, que se extraía na mesma zona, deu paso ao carbón foráneo, de maior calidade e con menor custe.

Os cambios na lexislación e a presión social puxeron enriba da mesa o grave problema ambiental. O anterior, canda o peche da mina, fixeron que a empresa comezara en 2004 unhas obras na central destinadas a modernizar as instalacións e a reducir as emisións de gases á atmosfera. Este mesmo luns Endesa anunciou que daba por finalizada a mellora das súas centrais térmicas. Segundo recolle Europa Press, dos 648 millóns destinados a este concepto, 306 millóns dedicáronse as melloras no complexo do Eume.

Endesa salienta que os cambios consistiron fundamentalmente en reformas nos grupos de combustión e na mellora do rendemento de filtración de partículas. Pero máis aló da reducción na emisión de contaminantes, a reforma sérvelle a Endesa para prolongar a vida útil do complexo das Pontes até máis aló de 2030. Unión Fenosa fixo o mesmo coa outra central radicada no noso país (Meirama).

Temos datos precisos da contaminación?

Xosé Veiras, do colectivo Verdegaia, recoñecía que as melloras levadas a cabo reducen conserablemente o nivel de emisións á atmosfera. Porén, os ecoloxistas lembran que seguirá a ser unha “enorme fábrica de mudanza climática”.

Na actualidade hai dous tipos de datos sobre a contaminación das térmicas. Por un lado están as emisións de contaminantes. Unha directiva europea obriga a ter un rexistro oficial de emisións que proporciona o goberno español. A maiores, a Xunta proporciona datos sobre a concentración de contaminantes que miden as estacións da contorna das centrais.

Aínda que os ecoloxistas consideran que os datos son fiábeis, túrranlle das orellas ao Goberno xa que subliñan que se deberían proporcionar os datos de xeito diario e non anualmente (como na actualidade fai a Consellaría de Medio Ambiente)


5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: