"A barafunda de oficinas, plans de emprego e subvencións segue sen ter un fío condutor", quéixanse desde o PP.
"É unha proba máis de cómo actúa o bipartito; nin existe estudo, nin planificación, nin coordinación nin deseño de estratexia, nin nada", afirmou este xoves Beatriz Mato Otero, voceira de Traballo do grupo parlamentario do PP, para quen a duplicidade administrativa que o Goberno estabeleceu para a comarca d'As Pontes sería exemplo da "descoordinación e incomunicación" da que acusa a actual Xunta.
"Todos son anuncios, tantos millóns para unha oficina de emprego, tantos millóns para outra, pero oito meses despois non hai resultado algún", insistiu a deputada do PPdeG, sinalando que a bisbarra pontesa pecha o ano cun cento de parados máis. Beatriz Mato critica que as consellarías de Industria e Traballo vaian "por libre" e non acorden actuacións, "duplicando o gasto de cartos públicos co mesmo obxectivo" sen coordinar a estratexia de aplicación. Para a voceira popular é un exemplo máis da "desconexión" entre os socios do Executivo, PSdeG e BNG.