Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O PSdeG ve "paralización da obra pública"

O PP di que o Goberno licitou en cen días un 315% máis ca o bipartito no mesmo treito

Os socialistas aseguran que a Xunta está "abandonando o impulso económico" no actual contexto de dificultade para familias e empresas.

Redacción - 09:30 15/08/2009

"O maior investimento en licitación de obra pública, na nosa comunidade, realizouse no primeiro trimestre do ano 2009 , cando aínda non gobernaba o PP", subliñou este venres María Xosé Caride, ex conselleira de Política Territorial. A deputada socialista dixo lamentar que dende a chegada do PP á Xunta "houbo unha paralización da licitación do impulso económico a un sector tan importante coma construción". Tamén advertiu de que proxectos empresariais "que xa estaban sendo avalados, a través do IGAPE, dende a chegada do goberno de Feijoo teñen paralizadas practicamente todos os apoios e axudas ao sector empresarial".

"Demandamos á Xunta continuar co impulso da actividade económica", expuxo Caride, anunciando iniciativas parlamentarias para esixirlle ao Goberno que continúe cos "plans previstos" en licitación de obra pública. Segundo as cifras que achegou a voceira socialistas, a licitación de obra pública en Galiza no ano 2009 estaba prevista nunha cifra de 2.000 millóns de euros, un dato que faría necesario "que a día de hoxe levaramos licitando unha cantidade superior á que levabamos no ano 2008. "Pero o que nos atopamos e que se reduciu á metade", criticou.

Ao asunto respondeu na mesma xornada desde o PpdeG o deputado Pedro Puy, quen debullou que o volume de contratos ofertados en licitación pública pola actual Xunta en cen días de goberno "supoñen un 315% máis que os correspondentes á mesma etapa do bipartito". "Concretamente, entre mediados de abril e finais de xullo do presente ano, licitáronse contratos por un valor superior aos 30 millóns de euros, mentres que de agosto a novembro de 2005, o volume acadou pouco máis dos 7 millóns", sinalou.

Pedro Puy considera que as declaracións de Caride "amosan que os socialistas non vivían na realidade cando gobernaban, negando a crise e aprobando orzamentos irreais, e seguen sen facelo agora, na oposición, non recoñecendo que en apenas tres meses o goberno do Partido Popular ten recuperado o rigor orzamentario e impulsado un plan de choque contra a crise". "Unha volta ao rigor orzamentario e un plan de choque aprobados para paliar as graves consecuencias das políticas socialistas na Xunta e en Madrid", subliñou Puy.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: