Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Insiste na "ilegalidade" do decreto anterior

Industria nega paralización no sector e di que evitará "unha carreira aloucada" no reparto

A Xunta argumenta que o canon "incentiva tamén acción protectoras do medioambiente e estimula a adquisición de aeroxeradores máis eficientes".

Redacción - 13:15 14/08/2009

A Xunta sae ao paso este venres das críticas xurdidas inicialmente desde a oposición parlamentaria e posteriormente da propia patronal eólica e que coincidían en advertir da obstaculización e paralización do desenvolvemento do sector en Galiza como consecuencia da recente derrogación do decreto aprobado polo bipartito.

Ao respecto o Goberno xustifica que a suspensión anunciada vai dotar de seguridade xurídica o sector e insiste en que era unha decisión inevitábel "consecuencia das eivas legais e formais que arrastraba o anterior proceso". De paso, desde a Consellaría de Industria volven lembrar que desde a toma de posesión e en apenas tres meses autorizáronse xa 166 megavatios de potencia eólica, "pouco menos da metade da que autorizou o anterior goberno en catro anos". Ao fío prometen "axilizar ao máximo as autorizacións dos 800 MW restantes".

Expón o executivo que as irregularidades do anterior decreto fan "imprescindíbel" o novo marco legal que dote o proceso das máximas garantías xurídicas e eviten "unha carreira aloucada de reparto de megavatios". Doutra banda, refírense á introdución do canon como unha iniciativa "medioambiental sen finalidade recadatoria" que gravará a xeración de "afeccións e impactos visuais sobre a paisaxe, pero tamén as afeccións e impactos ambientais adversos sobre o medio natural e o territorio". "Este canon ademais repercutirá de xeito directo en máis da metade dos concellos de Galiza, directamente afectados pola presenza de parques eólicos, a través do Fondo de Compensación Ambiental, que promoverá accións de investimento de natureza produtiva e xeradora de emprego", sosteñen.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: