Guillerme Vázquez asegura que os tres primeiros meses de goberno popular confirmaron un cambio decepcionante.
Guillerme Vázquez, voceiro nacional do BNG
"Ademais de carecer dun proxecto de país, Alberto Núñez Feijoo defraudou aos galegos". Este é o balance que fixo o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez sobre os 100 primeiros días do Goberno presididio polo Partido Popular. Acusou ao presidente de "non estar á altura de Galiza, e de liderar un cambio "francamente decepcionante". "Non vimos ningunha medida contra a crise nin en defensa de sectores económicos moi danados, como o lácteo", dixo ao tempo que criticou que, pola contra, recorra "a vellas receitas pouco novidosas, como eliminar a gratuidade universal dos libros de texto".
Vázquez tamén lamentou outras accións do novo Goberno, como "a súa abstención na votación dun modelo que o BNG ve prexudicial para Galiza", en referencia ao financiamento, ou asinar "un pacto fraude" sobre o AVE co Ministerio de Fomento. "O único que fixo foi venderse aos intereses de Madrid", subliñou.
Finalmente, entre os principais retos que considera que lle esperan ao presidente, o líder do BNG aludiu á crise e á articulación dun Estatuto "de primeira", se ben subliñou que "o seu principal reto debera ser actuar como presidente dunha nación como é Galiza".