"Os seus cen días comezaron incumprindo a Lei de Paridade e rematan cunha negativa a reformar o Estatuto", sinalou a voceira Mar Barcón.
A voceira e secretaria de Política Municipal do PSdeG, Mar Barcón, resumiu os tres primeiros meses do Executivo que preside Alberto Núñez Feijoo nunha "imaxe de parálise permanente e decisións erróneas".
"Os seus cen días comezaron incumprindo a Lei de Paridade na composición do seu Goberno e acaban cunha negativa a reformar o Estatuto", lamentou. Barcón reprobou a "parálise" da nova Xunta en ámbitos "tan importantes" para "reflotar" a economía como a licitación de obra pública
Asegurou, ademais, que os dous retos máis fortes aos que se enfrontou até o momento -con respecto ao financiamento autonómico e ao 'Acordo do Obradoiro'- "solucionoullos o Goberno central".
Neste senso, a dirixente socialista censurou o "seguidismo" de Feijoo "ás directrices" da dirección estatal do PP, e lamentou que "estivese desaparecido" mentres se xerou o novo modelo de financiamento autonómico cando "a súa obriga era negociar".
"Ninguén pediu unha consulta do galego"
Tamén, criticou a decisión da nova Xunta de suprimir o sistema universal de gratuidade nos libros de texto, e recalcou que Feijoo se meteu "nun xardín do que non sabe saír" na cuestión lingüística, impulsando unha consulta do galego "que ninguén pediu nin se sabe para que vai servir".
Sobre os retos futuros do novo Executivo, Barcón situou en primeiro lugar a crise económica e avisou de que para lle facer fronte é "necesario" que os conselleiros "deixen de confundirse cos manifestantes e comecen a gobernar". "Non son afectados, son Goberno", dixo.