Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Rexeita absorcións "interrexionais"

Moreda insiste en que a fusión de Caixa Galicia e Caixanova creará "músculo"

Desde Caixanova, Fernández Gayoso retruca: "Dúas caixas mellor que unha".

Redacción - 17:40 23/07/2009
Salvador Fernández Moreda, presidente da Deputación da Coruña e vicepresidente de Caixa Galicia

Salvador Fernández Moreda, presidente da Deputación da Coruña e vicepresidente de Caixa Galicia

"Galiza necesitará unha caixa forte para enfrontar unha situación na que, ou comes, ou te comen". Así o subliñou este xoves o presidente da Deputación da Coruña e vicepresidente primeiro de Caixa Galicia, Salvador Fernández Moreda, recordando a súa posición clara en favor dunha fusión entre Caixa Galicia e Caixanova.

Lembrou Fernández Moreda que máis dunha vez se ten pronunciado en favor deste paso e insistiu en que a Galiza cómprelle unha institución financeira con "músculo forte e potente". Ao tempo, comentou tamén o ruxerruxe dunha fusión das caixas galegas con Cajamadrid ou a CAM valenciana, indicando que tal tipo de posibilidade lle parece "intolerábel". Doutra banda, asegurou que na actualidade, as dúas caixas do país están "ben xestionadas e cun gran nivel de solvencia".

Caixanova rexeita o convite
Colaboración si, pero non fusión. Así se resume a reflexión que na mesma xornada chegaba desde o sur do país ao respecto da posíbel fusión. Xulio Fernández Gayoso, presidente de Caixanova, rexeitaba tal movemento e insistía en que a sociedade galega demanda dúas alternativas onde escoller.

Insistía Fernández Gayoso en que na actualidade as dúas caixas galegas xa aparecen entre as dez primeiras a nivel estatal e advertía que a entidade que presidente contempla a longo prazo un escenario de permanencia das dúas. "Hai que ver como está mellor servida Galiza", argumentou, xustificando que sexa para empresas, universidades ou familias, a existencia de dúas caixas garante unha "competencia" e "mellora" constante dos servizos. Porén, concedeu Gayoso que a renuncia a unha fusión "non exclúe a colaboración". Como exemplo recente citou a entrada conxunta de Caixa Galicia e Caixanova no capital de Itínere, accedendo así ao accionariado, entre outros, da AP9. "Que non haxa fusión non quere dicir que non vaiamos de man n operacións de grande envergadura e interese para Galiza", defendeu.


2,5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: