O grupo de construción Sacyr anunciou a venda dun 17,4% do capital de Itínere a Caixa Galicia, Caixanova e Cajastur, que entran así na xestión da autoestrada.
A propiedade de Itínere repártese agora entre Sacyr, Caixanova, Caixa Galicia, Cajastur, Citi e BBK.
Logo de varios días de negociacións, Sacyr Vallehermoso confirmou a venda do 17,4% de Itínere a Caixa Galicia, Caixanova e Cajastur, por un importe de 500 millóns de euros, a razón de 3,96 euros por acción.
Unha vez pechada a operación, a distribución de participacións queda como segue: as caixas galegas repartiranse a partes iguais un 13,92% de Itínere (máis do que se barallaba nun principio), polo que pagaron 200 millóns de euros cada unha. O restante 3,48% pasa a mans de Cajastur, que achegou outros 100 millóns. Mentres, Sacyr Vallehermoso conservará unha participación do 9,95% do capital social e o socio maioritario continuará a ser Citi, que conta co 62,7%. Finalmente, o BBK conta con outro 9,3% que completa o accionariado.
Tanto a construtora como as tres caixas comprometéronse a achegar e vender a totalidade da súa participación en Itínere (27,36%) a SyV Participaciones II, sociedade integramente participada por Sacyr e que será a que interveña finalmente na fusión entre Itínere e Pear Acquisition Corporation. Esta última, propietaria ao 100% de Citi Infraestructure Partners será a que xestionará a autoestrada galega.