Andrei Kulagin levaba dous meses desaparecido até que o seu corpo foi descuberto nunha canteira o pasado 10 de xullo.
As autoridades rusas confirmaron a aparición do cadáver de Andrei Kulagin, dirixente local da organización en defensa dos dereitos humanos Spravedlivost ('Xustiza') na rexión de Karelia, segundo informou a axencia Interfax e recollen os medios internacionais.
O corpo de Kulagin, que levaba dous meses desaparecido, apareceu o pasado 10 de xullo nunha canteira próxima a Klyuchevaya, localidade onde vivía. Pola súa banda, a Policía asegurou que Kulagin tiña antecedentes penais e estaba a ser investigado.
O director de Spravedlivost, Andrei Stolbunov, denunciou nunha mensaxe na páxina web da ONG a presión á que están sometidos os activistas e vinculou a última morte cos asasinatos de Natalia Estemirova e da xornalista Anna Politkovskaya.
Stolbunov encomiou o compromiso de Kulagin coa xustiza no seu país e destacou que o activista intentaba mellorar a situación dos presos en Rusia.