A xornalista do medio opositor Novaia Gazeta, Anna Politkosvskaia, tivo que ser hospitalizada cando se dirixía á escola de Beslán, como consecuencia dunha forte intoxicación por causas descoñecidas. Outros xornalistas rusos foron detidos, ou bloqueóuselles o paso á zona da escola. Por exemplo, a Andrei Babitski, de Radio Liberty, detivérono baixo a acusación de querer transportar explosivos no avión.
Anna Politkovskaia é unha especialista en temas referidos a Chechenia, e é coñecida a súa posición moi crítica coa política de Putin. Ao parecer, a xornalista rusa atopouse mal en Rostov cando se dirixía cara a Osetia do Norte. Diagnosticóuselle unha intoxicación grave, e foi hospitalizada no propio Rostov.
Ao día seguinte, xa algo mellor, foi trasladada a Moscova, onde permaneceu aínda hospitalizada. O seu estado de saúde mellora, pero o editor do seu medio, a Novaia Gazeta, recoñeceu a grande estrañeza das circunstancias da intoxicación.