Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
ESTÁN PARADAS DESDE O LUNS DA SEMANA PASADA

Membros de ADEGA volven deter as obras dunha piscifactoría en Rinlo

Membros da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) volveron paralizar hoxe as obras de construción dunha granxa de cultivos mariños en Rinlo (Ribadeo). As obras están paradas desde o luns da semana pasada, cando activistas da delegación luguesa de ADEGA detiveron por primeira vez as obras. ADEGA oponse a esta granxa de cultivos mariños porque deterioraría o espazo da Rede Natura 2000 "As Catedrais".

- 08:40 30/08/2005
Tags:

ADEGA vai presentar un recurso contencioso administrativo contra a decisión do Concello de Ribadeo de outorgar licenza de obras á empresa promotora da granxa, Acuinor, sen que teña sido publicada no Diario Oficial de Galicia a resolución da Xunta pola que se tería aprobado o Proxecto Sectorial da piscifactoría, publicación necesaria para que a aprobación teña efectos prácticos.

Por outro lado, ADEGA solicitou senllas entrevistas urxentes co conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, e con Nicolás Cortés, director xeral de Recursos Mariños da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, para lles pedir que que non consintan esta nova agresión ambiental á nosa costa.

A construción desta piscifactoría no espazo natural "As Catedrais" constitúe unha grave agresión ambiental e incumpre a xuízo de ADEGA a Directiva europea Hábitats. A granxa afectaría moi negativamente a un hábitat considerado de conservación prioritaria pola UE (queirugais secos atlánticos costeiros de Erica vagans). Ademais instalaríase nun espazo natural protexido para o que a Consellería de Medio Ambiente aínda non aprobou un plano de xestión que ordene os seus usos.

Plan Sectorial dos Parques de Tecnoloxía Alimentaria na Costa Galega

A granxa de Rinlo está nunha das zonas incluídas no Plan Sectorial dos Parques de Tecnoloxía Alimentaria na Costa Galega, aprobado pola anterior Xunta cando xa estaba en funcións. ADEGA presentou alegacións a este Plano sectorial rexeitando que parte das zonas designadas para a instalación das granxas de cultivos mariños coincidisen con 11 espazos naturais de alto valor ecolóxico da costa galega, entre eles a zona Natura 2000 "As Catedrais".


0/5 (0 votos)