O número de usuarios da rede na potencia asiática rebasa o total da cidadanía dos Estados Unidos. Medran os accesos a través do móbil.
O uso da internet na China segue a medrar cada vez a máis velocidade. Tanto é así que xa hai máis internautas no país asiático ca habitantes nos Estados Unidos de América, que un día fora líder -e artífice- da rede de redes.
Un informe da axencia estatal CNNIC sinala que a finais de xuño as persoas usuarias de internet na China eran 338 millóns, un 13,4% máis ca ao remate de 2008. Segundo o censo estadounidense, na unión de estados norteamericanos viven 307 millóns. Porén, aínda lle falta para superar os case 500 millóns da Unión Europea.
O crecemento económico e a expansión da rede a máis áreas permitiron o rápido aumento dos accesos na China, que ten 1.300 millóns de habitantes. Iso supón que a penetración da internet é aínda relativamente baixa, de pouco máis do 25%, malia que as conexións son principalmente de banda larga.
O éxito da internet no xigante asiático tamén se debe ao éxito dos accesos mediante teléfonos móbiles. En medio ano a penetración dos dispositivos portátiles medrou un 32,1%, até 155 millóns, principalmente nas áreas rurais, onde é menos rendíbel instalar liñas fixas. China acaba de poñer en marcha este ano o seu servizo de telefonía móbil de terceira xeración, o que lle dará máis pulo ás conexións á rede.