Un informe de Cryptohippie analiza o control que exercen 52 gobernos sobre a súa poboación mediante medios electrónicos.
A compañía estadounidense especializada en seguridade Cryptohippie acaba de publicar o seu informe sobre o 'estado policial electrónico' correspondente ao ano 2008. O documento analiza o uso gobernamental as novas tecnoloxías para gravar, organizar, buscar e distribuír probas forenses contra a cidadanía.
Como era de imaxinar, non só son as ditaduras as que empregan estes métodos, senón que tamén estados democráticos fan uso de elementos de vixilancia e control da poboación. Puntuáronse de un a cinco un total de 17 parámetros para determinar se existe 'estado policial electrónico' en 52 gobernos do mundo.
A clasificación encabézana China, Corea do Norte, Bielorrusia e Rusia, seguidas inmediatamente por Inglaterra e Gales e mais polos EUA. O Estado Español e Portugal ocupan os postos 43 e 44, nun nivel representado no mapa pola cor amarela, que indica unha puntuación media de entre 2 e 2,5 puntos e que aínda se atopan en fase de desenvolvemento do estado policial electrónico.
O documento amosa que o estado onde se controla menos a cidadanía mediante medios dixitais é Filipinas, seguido de México, Brasil, Bulgaria, Tailandia e Romanía. Para elaborar a listaxe tivéronse en conta datos fornecidos por EPIC, Reporteiros sen Fronteiras ou Freedom House.