Un proxecto en pleno espazo protexido e malia a promesa do conselleiro de Medio Ambiente de non autorizar máis aproveitamentos eléctricos na zona.
Os Canóns do Sil foron seleccionados dentro do proxecto Geosites, promovido pola Unesco, como parte do programa de inventariado daqueles lugares cun patrimonio xeolóxico especialmente relevante. A zona forma parte ademais da Rede Natura 2000, coa declaración de "Lugar de Interese Comunitario Canón do Sil".
Paradoxalmente, isto non foi impedimento para que o Ministerio de Medio Ambiente concedese outro proxecto de aproveitamento hisroeléctrico na zona, denominado Santo Estevo II, unha central soterrada en pleno canón. Unha nova concesión hidroeléctrica a Iberdrola que desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Adega, cualifican de "coitelada mortal, case definitiva". Adega critica que sexa ademais o ministerio, liderado agora pola ourensá Elena Espinosa, quen autorice este proxecto, máis aínda cunha promesa previa desde a Xunta de que non se autorizarían máis iniciativas dese tipo neste lugar protexido. "É este o "peso" que ten a administración galega en Madrid para defender as nosas xoias naturais?", preguntan os ecoloxistas.
Segundo a avaliación de Adega, a apertura dos túneles-galería necesarios para realizar o aproveitamento producirá grandes cantidades de cascallos e entullos "que afectarán gravemente a conservación do citado LIC “Canón do Sil” así como os efectos do aproveitamento do caudal ecolóxico para o turbinado poden ter graves efectos sobre multitude de especies e hábitats protexidos".