Subliñando que "están todas fóra da Rede Natura", a Consellaría de Economía e Industria comunicou este martes a decisión de "normalizar a situación administrativa" de até 37 explotacións mineiras en activo que actuaban sen permiso. A consellaría expón que responde deste xeito ao compromiso anteriormente adquirido, e xa esixido polo PpdeG durante o seu paso pola oposición na anterior lexislatura e prometido explicitamente durante a propia campaña electoral.
Á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas correspóndelle o proceso concreto de avaliación dos requirimentos necesarios para que, segundo expón a Xunta nun comunicado, estas explotacións abandonen "a situación de alegalidade na que se atopaban". "Todas estas explotacións contan xa coa aprobación do Goberno da Xunta de Galicia gracias ao traballo desenvolvido pola Consellaría de Economía e Industria que dirixe Javier Guerra Fernández de cara á obtención das respectivas licenzas urbanísticas", recolle o texto enviado aos medios.
Polo miúdo, trátase de 37 explotacións:
-En Ourense a legalización abrangue un total de 26, todas na comarca de Valdeorras (22 louseiras e catro canteiras de granito.
-Na Coruña trátase de 10 explotacións (cinco de lousa, tres de áridos, unha de granito ornamental e áridos e outra de seixo)
-En Pontevedra legalízase unha canteira de granito
Por outro lado, o Goberno avanza a próxima creación da marca "Lousa Galicia-España", que terá o apoio económico do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). Tamén o estabelecemento do chamado Instituto Xeolóxico Mineiro Galego, organismo que, di a Xunta, será o "encargado de emitir informes previos á realización de calquera infraestrutura deste tipo".