O voceiro nacional do Bloque considera que o goberno español queda curto na proposta.
O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, criticou este domingo a "inconcreción" da vicepresidenta segunda do goebrno español, Elena Salgado, na presentación do borrador do novo modelo de financiamento autonómico, e advertiu de que Galiza "só podería manter a súa posición relativa" se accede ao 7,8% dos recursos totais do sistema, polo que unha cifra menor "é inasumíbel"
"Non é de recibo que a estas alturas non se comunique con exactitude con que fondos vai contar Galiza no novo sistema, nin se imos ter ou non unha blindaxe para que eses fondos non decrezan co tempo", valorou. Así mesmo, considerou que, ao avaliar "as cifras que transcenderon" polo momento, "o goberno do Estado queda moi curto e non dá satisfacción ás necesidades galegas".
Ademais, cifrou en "15 mil millóns de euros" a cantidade necesaria para "enfrontar este asunto" para o conxunto das Comunidades Autónomas, xa que "o punto de partida do Estado --11.000 millóns de euros a maiores a repartir--" é "francamente insuficiente". "Dende o principio, no BNG tivemos a impresión de que o Estado enfrontou esta negociación non para mellorar o sistema autonómico, senón para resolver os problemas políticos propios do PSOE, e esa impresión non fixo máis que se confirmar co paso do tempo", concluíu.