Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DESOE A COMISIÓN DE EXPERTOS

O Concello da Coruña manterá dous retratos de alcaldes franquistas

Así mesmo, no consistorio da cidade continuará unha vidreira co escudo da ditadura.

Redacción - 17:00 08/07/2009

O Goberno local da Coruña non suprimirá da galería de alcaldes que hai no Palacio Municipal de María Pita os retratos de dous alcaldes do franquismo, pois considera que os cadros non supoñen "un recoñecemento honorífico". O concello desoe neste punto o informe elaborado pola comisión de expertos para aplicar a lei da memoria histórica, que propón que se retiren os retratos.

Tamén continuará no Concello unha gran vidreira co escudo da ditadura, situada no teito da entrada, debido a que os historiadores empataron á hora de decidir se se debía eliminar ou non. Os expertos partidarios de que non se retirase propuxeron que se colocase unha placa informativa para "observadores descoidados", xa que a consideran "unha peza incluída nun conxunto artístico".

O Concello si seguirá as restantes recomendacións dos historiadores para eliminar a simboloxía franquista da cidade. No vindeiro pleno aprobarase o cambio de nome de 22 rúas, revocaranse todos os nomeamentos de títulos a Franco e retirarase a estatua da praza de Millán Astray. Suprimiranse, así mesmo, as placas dos escudos de xugos e frechas que conservan algúns grupos de vivendas como as de María Pita, Labañou, ou Palavea.

Entregan un manifesto na Moncloa
Un grupo de representantes de asociacións da Memoria Histórica de toda España entregou no Palacio da Moncloa un manifesto no que reclaman ao Estado que impulse unha investigación sobre os desaparecidos do Franquismo e cree unha comisión de procura. O manifesto, baixo o título 'Por un normal cumprimento do convenio Europeo de Dereitos Humanos en España para o caso dos desaparecidos do franquismo', será entregado por representantes de diferentes asociacións pola Memoria Histórica e familiares de desaparecidos.

As decenas de asociacións e colectivos que subscriben o texto denunciaron que o "deber de todo país" europeo, tal e como estabelece o Convenio Europeo de Dereitos Humanos, é o de impulsar "unha investigación oficial efectiva e independente" por propia iniciativa das autoridades do Estado de todos os casos dos que se teña noticia, medie ou non actuación dos familiares", tal e como esixe, recordaron, "a xurisprudencia constante" do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.

Na mesma liña e de face á Presidencia española da Unión Europea no primeiro semestre de 2010, os firmantes do manifesto reclaman "ao conxunto das embaixadas dos Estados membros da Unión Europea en España" que intercedan humanitariamente ante as autoridades españolas para impulsen unha investigación sobre as desaparicións do Franquismo e o fin do trato "indecoroso" que se está dispensando ás familias afectadas.

O colectivo comezou a recoller sinaturas para apoiar o manifesto. Podes apoialo aquí.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: