Máis de 100 alumnos toman parte nun curso da USC sobre o ensino de segundas linguas en contextos académicos, o que revela un especial interese en cuestións de plurilingüismo.
Cada vez máis, nas nosas aulas conviven nenos de diferentes procedencias
A diversidade lingüística é unha realidade da nosa sociedade actual que ten o seu reflexo no contexto educativo. Cada vez máis, os nosos colexios e escolas acollen a nenos que teñen unha lingua inicial diferente do galego e do castelán, un feito que obriga aos profesionais do ensino a afrontar unha infinidade de retos diarios para os que precisan respostas. Estudar o xeito de afrontalos e avaliar as formas de atender ás crecentes demandas desta sociedade en constante cambio é o obxectivo dun curso de verán que este martes se inicia na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e que recibe o nome de "Pluringüismo na escola: ensino de segundas linguas en contextos académicos".
"A idea é aproveitar o caudal lingüístico que nos vén dado para tirarlle partido en forma de integración", explica Luz Zas Varela, unha das directoras do curso e profesora de Lingüística Xeral da USC. Galiza aínda está, con todo, lonxe de rexistrar as cifras de inmigración doutros territorios do Estado, mais a práctica daquelas outras zonas debe servir de exemplo. "As iniciativas máis novidosas e máis contrastadas neste ámbito son as postas en marcha en lugares como Cataluña ou Andalucía", explica Luz Zas, quen entende este curso de verán como unha fiestra aberta a estas experiencias xa postas en marcha. Así, no curso participarán profesionais de prestixio neste eido como o profesor catedrático de Psicoloxía Evolutiva da Universide de Girona ou a profesora de Didáctica da Lingua e Literatura na Universidade de Euskadi, Uri Ruíz.
Principal reto: a formación
A resposta a este incremento de alumnado foráneo, sobre todo en Primaria, é para Luz Zas a creación dun plan específico de formación que lle permita ao profesorado atender mellor as necesidades educativas dos inmigrantes. "Faltan vías metodolóxicas para traballar a prol desa integración", explica ao tempo que recorda que os mestres son os primeiros interesados en contar coas ferramentas precisas para afrontar esta nova realidade educativa.
Ao carón da formación, a outra chave da que fala Zas é a da investigación, unha cuestión para a que tamén é imprescindíbel o financiamento. Se ben hai experiencias moi positivas no eido da integración a través da lingua, é precisa a implicación das administracións en cuestións como o deseño de materiais multilingües axeitados, o fomento do desenvolvemento dunha competencia intercultural como área transversal do currículo escolar ou na creación de actitudes positivas cara ao pluralismo lingüístico.