Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Separar por linguas non é posíbel “polo custe”

Educación segue planeando volverlles dar cartos aos colexios que segregan alumnos por sexo

Tamén sinalan que "revisarán e mellorarán" o programa de libros de texto, se a situación económica evoluciona en positivo.

Redacción - 09:00 06/07/2009
O conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, recibindo o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán (PPdeG) a pasada semana

O conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, recibindo o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán (PPdeG) a pasada semana

O conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, afirmou este domingo que se a situación económica actual evoluciona en positivo, a Administración "revisará e mellorará" o programa de axudas para adquirir libros de texto. "Se a situación económica fose outra, mellorariamos o programa", afirmou e indicou que a Xunta "entendería este programa de xeito distinto" se os recursos dispoñíbeis fosen iguais aos de 2007.

Nunha entrevista na cadea SER, Vázquez defendeu a supresión do sistema de gratuidade de libros porque é o momento de "priorizar" os recursos e afirmou que as rendas máis baixas "terán" o 100 por cen da axuda. Ademais, rexeitou que existan críticas dos pais e nais, afirmou ter escoitado a algúns dicir que agora lles toca pagar, pero que o entenden". "Nós entendemos que a xente ten que coñecer a realidade e non se podía manter a situación do ano pasado, porque hai un descuberto de tres millóns", expuxo. Tamén reprobou as críticas da oposición e aseverou que o Goberno entende que este sistema "é máis xusto porque elimina as desigualdades". Ademais, engadiu que tamén se suprimen custo de fotocopias "que ademais son ilegais", así como burocracia. "É unha medida progresista", reiterou.

Retomar as axudas aos centros que segreguen o alumnado por sexos?
Respecto das axudas aos centros que segreguen aos seus alumnos por razón de sexo, Vázquez sinalou que aínda non pode concretar se se outorgarán, xa que está á espera dos informes. "Hai que analizalo", indicou.

No entanto, si descartou a segregación por cuestión de lingua, debido a que suporía "un custo moi elevado" nun momento de crise económica. Ao fío do tema da lingua, afirmou que "hai que chegar a un punto de encontro, baseado en que o idioma é tamén un aceno de identidade". Respecto da consulta aos pais sobre en que lingua escolarizar os seus fillos, indicou que aínda non conta con resultados pola "dificultade" de abrir cada unha das enquisas. "O PP pensa que había un conflito e por iso incluíu no seu programa electoral cambiar o decreto do galego", recalcou. Neste sentido, explicou que as premisas das que partirá a Xunta para o novo decreto serán as "cooficialidade, liberdade e a evolución cara a unha terceira e cuarta lingua, se a situación económica o permite", explicou e indicou que se prevé que o borrador estea listo para Nadal.

Finalmente, respecto do financiamento universitario, o conselleiro de Educación indicou que é coñecedor de que as universidades "necesitan máis recursos", pero precisou que até que o Ministerio presente o seu plan en outubro ou novembro, "non se abordará esta cuestión en Galiza".


1/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: