Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
No mes de xuño

O paro baixa en Galiza un 3,51%, pero segue sendo maior que hai un ano

Esta porcentaxe supón que no mes pasado rexistráronse 7.278 desempregados menos, con respecto a maio. A cifra total de desempregados ascende a 200.240 persoas.

Redacción - 10:45 02/07/2009
Mobilización dos traballadores de ABB en Vigo, cuxa empresa presentou un ERE para máis da metade dos empregados / CIG

Mobilización dos traballadores de ABB en Vigo, cuxa empresa presentou un ERE para máis da metade dos empregados / CIG

O número de parados inscritos nas oficinas do Inem en Galiza diminuíu por terceiro mes consecutivo en xuño, ao rexistrarse 7.278 desempregados menos, cifra un 3,51% inferior á de maio. O total de persoas sen emprego situouse en 200.240, segundo os datos publicados esta quinta feira polo Ministerio de Traballo e Inmigración.

Segundo estes mesmos datos, o paro subiu no país un 31,13% con respecto ao mes de xuño de 2008, e incrementouse en 47.532 desempregados, dende hai exactamente un ano. Así, Galiza mantívose como a segunda comunidade na que menos avanzou o desemprego nos últimos 12 meses, pois a porcentaxe só foi menor, en termos relativos, en Estremadura, onde aumentou un 27,04%.No conxunto do Estado, o número de parados inscritos nas oficinas do Inem baixou en 55.250 persoas en xuño respecto de maio (-1,5%), rexistrando o seu segundo descenso mensual consecutivo, após estar 14 meses á alza. O total de desempregados situouse así en 3.564.889 persoas.

Do total de parados, 19.669 teñen menos de 25 anos, 110.678 son mulleres e 89.562 homes
O sector servizos é o que máis acusa estas cifras, con 111.975 desempregados, a pesar de rexistrar o maior descenso con respecto ao mes anterior (4.762); seguido da industria, con 32.842 parados en xuño, 1.186 menos que en maio; a construción, con 30.639 parados, 945 menos que un mes antes; e a agricultura, con 5.714 desempregados menos, 119 menos que en maio; mentres que 19.070 non contaban cun emprego anteriormente.

Por provincias, A Coruña lidera o número de desempregados en xuño, con 81.134; seguida de Pontevedra, con 78.628; Ourense, con 22.511; e Lugo, con 17.967.

O paro baixou máis en Ourense e Lugo, en ámbalas cun descenso do 5,05% con 1.197 e 955 desempregados menos, respectivamente; seguidas de Pontevedra, cun -3,15% e 2.556 parados menos; e A Coruña, con -3,07% e 2.570 desempregados menos. Tamén son Pontevedra e A Coruña as provincias nas que subiu máis o desemprego con respecto aos 12 meses anteriores, e fixérono un 37,44 e un 30,25%, respectivamente.

Os estranxeiros parados en Galiza ascenderon a 10.059, 365 menos (-3,5%) que en maio pero 3.086 máis que en xuño de 2008 (44,26%), sobre todo no sector servizos, cun total de 4.670 desempregados; construción, con 2.025; industria, con 1.136; e agricultura, con 452. Do total de estranxeiros parados, 5.277 proceden de países extra-comunitarios e 4.782 de países comunitarios.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: