Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NOVA ESTRUTURA INTERNA no PSdeG

Búscanse baróns

Os socialistas elixirán este outono catro secretarios provinciais que gozarán de ampla autonomía nas súas circunscricións.

R.Vilar - 19:30 29/06/2009

Un ano despois do previsto, os socialistas galegos comezan un profundo cambio na súa estrutura interna. Seguindo os criterios marcados polo PSOE, e especialmente por Xosé Blanco, o PSdeG aposta por unha férrea organización provincial que, cun certo parecido ao PPdeG, busca mellorar a “maquinaria electoral”. O secretario xeral Manuel Vázquez anunciou este luns que entre o 15 de setembro e o 30 de novembro a afiliación vai participar na elección dos comités provinciais.

Despois do verán o PSdeG vai quedar dividido organicamente en catro provincias, cada unha destas dotarase dos seguintes órganos: Congreso Provincial, Comité Provincial, Comisión Executiva Provincial e Comisión Revisora de Contas. A isto haberá que sumar unha figura clave: a de secretario provincial, moito máis reforzada que no modelo actual.

Os poderes das novas direccións provinciais son notábeis. Este órgano será o que referende as candidaturas de cada concello ou o que propoña os candidatos pola circunscrición nas eleccións galegas e españolas. Os novos secretarios provinciais convértense en figuras con amplos poderes á hora de resolver conflitos a nivel local ou para decidir o nome dun aspirante a alcalde.

A nova estrutura interna aseméllase á do PPdeG. Os partidarios da “provincialización” consideran que a base do éxito dos conservadores é a súa forte implantación municipal, vixiada de perto por organismos de tipo provincial. Cada secretario provincial gaña poder fronte á rúa do Pino, pero a cambio ten a responsabilidade dos resultados electorais na súa circunscrición.

No seu momento, Emilio Pérez Touriño foi un dos detratores deste modelo. O ex secretario xeral consideraba que un maior poder dos secretarios provinciais podía dexenerar en “baronías” que lle restasen poder á dirección nacional e a el mesmo.

As eleccións locais, a gran esperanza

No PSdeG cren que só uns bos resultados nos comicios locais de 2011 poden dar azos para recuperar San Caetano. A actual dirección sabe que se o PPdeG logra gañar terreo nos consistorios vai ter na man unha segunda maioría absoluta dentro de catro anos.

O principal perigo concéntrase no mundo urbano e vilego, onde os conservadores están a reaxir. O PPdeG ten como obxectivo prioritario recuperar poder nas sete cidades do país, agora gobernadas por socialistas e nacionalistas.

O que dá primeiro...
Pero quen van ser os novos homes fortes do PSdeG? Aínda que a incógnita vaise despexar en cuestión de meses, hai quen xa moveu ficha. Un  exemplo é o do presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, que, tal e como desvelara este xornal, hai xa máis dun ano que aspira a ser o líder dos socialistas coruñeses.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: